jueves, septiembre 19, 2024
InicioComarcasÁrea de VigoO BNG avanza unha vintena de encontros veciñais por un novo modelo...

O BNG avanza unha vintena de encontros veciñais por un novo modelo de mobilidade en Vigo

Xabier P. Igrexas: “A única simpatía que ten o alcalde pola mobilidade alternativa ao coche é a súa complicidade sen límites coa dirección empresarial de Vitrasa”

O Bloque Nacionalista Galego avanza unha vintena de encontros veciñais por un novo modelo de mobilidade e de bus urbano en Vigo.

A fronte nacionalista vai percorrer nos vindeiros meses os barrios e parroquias coa súa campaña ‘Máis buses, menos multas’, cun decálogo de medidas para revolucionar o transporte na cidade viguesa ante a “oportunidade” que abre a fin da concesión de Vitrasa en xuño de 2025.

“Diante dun Goberno de Abel Caballero que nos quere seguir condenando a ser unha cidade na que utilizar o coche é case obrigatorio, e cun modelo de Zonas de Baixas Emisións baseado en restricións e multas a quen non se poida permitir un coche híbrido ou eléctrico, o BNG queremos facer da mobilidade un dos principais eixos da nosa acción durante este curso político”, afirmou o portavoz municipal nacionalista de Vigo, Xabier P. Igrexas.

O BNG de Vigo busca un cambio na mobilidade na cidade

Con esta campaña, explicou, o BNG quere dar a coñecer as súas alternativas para un cambio radical na mobilidade de Vigo, potenciando o uso do transporte colectivo, democratizando o espazo público para que as persoas gañen espazo sobre os coches e “avanzar desta maneira cara a unha cidade máis habitábel, segura e moito máis verde”.

A este respecto, Igrexas cualificou de “broma pesada” que a única medida do Goberno local na Semana Europea da Mobilidade sexa facer gratuíto o bus turístico. “É unha demostración máis da súa nula política de mobilidade e do seu desprezo polo transporte público”, afeou o portavoz nacionalista.

Dende a fronte nacionalista demandaron, en contraposición a esa “medida ridícula”, que se recuperen as máis de 250 frecuencias de bus urbano suprimidas desde 2019; alagar a mellora dos servizos nocturnos; despregar novas lanzadeiras para conectar o hospital Álvaro Cunqueiro; facer gratuíto o bus durante todo o ano para as persoas menores de 14 anos e desempregadas de baixos recursos. “Iso si que serían compromisos concretos e unha aposta real polo transporte público”, defendeu Igrexas.

“A única simpatía que ten o alcalde pola mobilidade alternativa ao coche é a súa complicidade sen límites coa dirección empresarial de Vitrasa”

Xabier P. Iglesias, portavoz do BNG de Vigo

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS