domingo, noviembre 24, 2024
InicioComarcasÁrea de VigoRedondela manterá as súas feiras os días 6 e 21 de cada...

Redondela manterá as súas feiras os días 6 e 21 de cada mes

A petición de establecer a feira todos os venres non será atendida polo Concello redondelán, “xa que desde o goberno local primamos o interese xeral da veciñanza” asegurou a alcaldesa

O Concello de Redondela manterá as feiras os días 6 e 21 de cada mes, tal e como se establece na Ordenanza Municipal.

O goberno local rexeita así a petición de celebrar a feira todos os venres do ano, realizada pola Asociación de Empresarios e Comerciantes Ambulantes de Galicia con sede en Madrid.

A decisión do Concello de Redondela está abalada pola Asociación Galega de Ambulantes Autónomos e tamén, pola Asociación de Empresarios de Redondela que rexeitan facer a feira semanalmente os venres.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, explica que desde o goberno local puxéronse en contacto tanto co colectivo de vendedores ambulantes que traballa en Redondela como coa asociación de empresarios para coñecer a súa opinión sobre este asunto, “e ambos colectivos están a favor de manter os días de feira tal e como están actualmente”.

Desde o Concello lembran que o municipio xa conta con catro feiras mensuais, xa que en Chapela celébrase os días 2 e 16 de cada mes.

A propia Asociación de Empresarios fixo unha sondaxe interna entre os seus asociados e un 80% están en contra de aumentar os días de feira.

Ademais, a rexedora local sinalaba que “celebrar a feira todos os venres do ano suporía un prexuízo maior para a veciñanza, e desde o goberno local primamos o interese xeral da cidadanía”.

Ante o anuncio de mobilizacións e concentracións por parte da Asociación de Empresarios e Comerciantes Ambulantes de Galicia para reclamar que se acepte facer a feira todos os venres, Rivas asegura “que non vou ceder a chantaxes nin presións por parte deste colectivo nin de ningún outro”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS