Co gallo de conmemorar o día mundial do Alzheimer que se celebra o vindeiro 21 de setembro, o Concello de Salceda de Caselas e a asociación Afaga organizan un ciclo de charlas formativas titulado “Alzheimer e outras demencias: que son, pautas de prevención e actuación”. Nesta ocasión as charlas terán un formato itinerante, celebrándose nas diferentes parroquias en colaboración coas asociacións.
Juan Carlos Rodríguez, presidente de AFAGA aseguraba que “Un dos obxectivos de AFAGA Alzheimer, compartido tamén polo Concello de Salceda, é chegar aos núcleos de poboación máis próximos e por iso nos sentimos moi satisfeitos de que se contase con AFAGA neste ciclo de charlas que terán lugar en tódalas parroquias de Salceda e no que se abordarán pautas de prevención e sensibilización”.
Estas xornadas teñen como obxectivo fundamental o de sensibilizar sobre o idadismo, os diferentes tipos de demencias e información básica sobre as mesmas, a realidade das persoas coidadoras non profesionais de persoas dependentes, as formas de apoiar e comunicarnos con persoas afectadas polas demencias ou a importancia da prevención das mesmas.
En palabras de Selene González, Concelleira de Benestar Social “consideramos prioritario traballar en prevención, apoio e acompañamento das persoas con Alzheimer ou outras demencias, así como das persoas coidadoras. Agardamos que as nosas veciñas e veciños poidan aprender, aclarar dúbidas e compartir momentos con outras persoas que viven a mesma realidade”.
O ciclo deu comezo o pasado martes día 17 de setembro na parroquia de Entenza e rematará o día 25 de outubro na Picoña. A psicóloga encargada realizará un total de 9 sesións en horario de 17.00 a 20.00h, dirixidas á poboación en xeral, e poderase asisitir sen inscrición previa nos diferentes centros culturais das parroquias ou no Centro Social A Devesa, no caso da charla a celebrar no casco urbano.
Para completar esta inicativa, celebrarase tamén unha sesión dirixida ás forzas e corpos de Seguridade, á que están convidados Garda Civil, Policia Local e Protección Civil. Na formación abordaranse as pautas básicas de seguridade para persoas con demencias (comunicación efectiva e coidados), e como actuar en caso de desaparición.
Durante estas sesións tamén se informará dos recursos comunitarios e das actividades preventivas e de seguemento que se desenvolven durante todo o ano no centro de enfermidades neurodexenerativas cedido a Afaga por parte do Concello de Salceda na parroquia de San Xurxo.