O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou hoxe en Ordes a estación de ferrocarril da Pontraga, rehabilitada a través do obradoiro de emprego dual Mancomunidade Ordes III. Este está especializado en revestimento e pintura industrial e en carpintaría e que implica tamén os concellos de Cerceda, Frades, Mesía, Oroso, Tordoia e Trazo. Alí puxo en valor o papel destes obradoiros na formación teórico-práctica para mellorar a empregabilidade das persoas participantes ao tempo que contribúen a mellorar servizos para a cidadanía nas zonas rurais, cun investimento deica o vindeiro ano 2025 superior aos nove millóns de euros no conxunto da provincia da Coruña, nun total de 23 accións.
O conselleiro estivo acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, pola directora do obradoiro que está en execución, Iria Paro, pola presidenta da mancomunidade de municipios da comarca de Ordes, Susana García, polos alcaldes de Cerceda, Frades, Oroso, Tordoia e Trazo e por un representante municipal de Mesía. José González explicou que estas iniciativas, financiadas polo Goberno galego, tamén reforzan a colaboración institucional entre a Xunta de Galicia e as entidades locais.
No presente obradoiro que está a piques de rematar, o titular de Emprego salientou que, a maiores de formarse e realizar un traballo de interese público remunerado, estas persoas poden obter un certificado de profesionalidade e, unha vez completen a formación, bríndaselle a posibilidade de traballar nunha empresa do ámbito das materias impartidas por un mínimo de tres meses.