viernes, noviembre 22, 2024
InicioNewsActualidadeRedondela asumirá o transporte do alumnado que non dispón de bus escolar

Redondela asumirá o transporte do alumnado que non dispón de bus escolar

O Concello asinou un convenio pioneiro coa Asociación Radio Taxi Redondela e a Unión Sindical de Autónomos do Taxi de Redondela, que farán o traslado do alumnado das parroquias que carece de transporte escolar para chegar aos seus respectivos centros

No día de hoxe, o Concello de Redondela asinou co sector do taxi un convenio para dar solución ao problema do transporte escolar no municipio.

Con este acordo pioneiro, o goberno municipal dá reposta á necesidade dos alumnos e alumnas de bacharelato que residen nas parroquias e que non dispoñen de transporte escolar para desprazarse ata o instituto.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, explicou que se «decidiu asumir este servizo por responsabilidade, malia ser competencia exclusiva da Xunta de Galicia, ante a dificultade de moitas familias para levar aos seus fillos aos institutos».

O convenio asinouse no Concello entre a alcaldesa e os representantes da Unión Sindical de Autónomos do Taxi de Redondela, Manuel Giráldez, e da Asociación Radio Taxi Redondela, Juan Carlos Puga.

Desta forma, os taxis destes colectivos farán o traslado do alumnado seus centros desde as mesmas paradas do transporte escolar de Cesantes, Quintela, Vilar, Porto Cabeiro, Reboreda e Ventosela.

Os taxis farán o traxecto de ida e volta, ofrecendo un servizo do que se beneficiarán preto duns 50 alumnos e alumnas dos IES Pedro Floriani e Mendiño. Unha vez asinado o convenio, o servizo comezará a funcionar mañá, 18 de setembro.

Por esta razón, na sinatura do convenio, Rivas quixo agradecer ao sector do taxi de Redondela pola «súa boa disposición e facilidades para chegar a este acordo».

A alcaldesa sinalou que «o transporte escolar é un dereito do alumnado que garante a igualdade de oportunidades para acceder ao ensino con independencia do seu lugar de residencia, e desde o Concello asumimos ese compromiso».

Reunións coa Xunta para esixir solucións

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o concelleiro de Ensino, Iván Valles, reuníronse nos últimos meses e en varias ocasións cos responsables da Xunta para tratar de atopar unha solución á falta de transporte escolar no municipio.

Ela mesma explicou que «se enviou á Xunta de Galicia toda a información que nos solicitaron para dar resposta ao transporte escolar do municipio, este goberno municipal fixo os deberes, e a Xunta de Galicia debería poñer unha solución enriba da mesa».

Polo tanto, o Concello segue á espera de que a Xunta lle faga chegar unha proposta para establecer liñas de autobús nas parroquias a través dun Servizo de Interese Municipal cun convenio entre a administración local e autonómica.

Desde a entidade local concluían que «polo de agora non ofreceron ningunha solución ás necesidades do transporte escolar en Redondela, e por iso poñemos en marcha desde o Concello o servizo dos taxis como alternativa».

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS