domingo, noviembre 24, 2024
InicioNewsActualidadeAs traídas de augas mosenses reciben 175.000 euros en axudas autonómicas e...

As traídas de augas mosenses reciben 175.000 euros en axudas autonómicas e provinciais

Con estas subvencións poderán mellorar as súas instalacións e/ou equipamentos

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o seu tenente de alcaldesa e concelleiro de Obra Pública e edil responsable dos servizos de Saneamento e Abastecemento, Camilo Grandal, informaron hoxe de que as Comunidades de Usuarios de Augas de Mos recibirán preto de 175.000 euros en axudas que veñen de ser concedidas pola Dirección Xeral da Administración Pública (Vicepresidencia) da Xunta de Galicia e polo Programa +AQUA da Deputación de Pontevedra para melloras das súas instalacións ou equipamentos.


Así, por parte da Dirección Xeral da Administración Pública concedéronse un total de 97.972,08 euros ás entidades: Comunidade de usuarios de aguas Costa de Vilariño-Herville Cela, Comunidade de usuarios de Campo do Monte, Comunidade de usuarios de Pedra Pinta, Comunidade de usuarios Azarafolla, Comunidade de usuarios de augas da Gándara-Mos, Convenio de usuarios Fonte do Pobo, Comunidade de usuarios para uso doméstico de Barrio Castro-Mos, Comunidad de usuarios Sobráns – Guizán, Asociación de Veciños San Mamede de Torroso-Mos, e Grupo sindical San Rafael (Asociación de Veciños).


E por parte da Deputación de Pontevedra a través do Programa +AQUA concedéronse un total de 76.375,99 € ás entidades: Comunidade de aguas de Sobrás-Guizán, Comunidade de usuarios Os Castros, Comunidad de usuarios de Casanova, Comunidade de usuarios de aguas para usos domésticos de Barrio de Castro, Comunidade de usuarios Casal Tameiga,
Comunidade de usuarios de Xuguiño, Comunidade de aguas del Barrio de la Iglesia Tameiga e Comunidade de usuarios de Costa da Fonte Pobo-Herville.


«Deste xeito demóstrase o firme compromiso das institucións local, provincial e autonómica co tecido asociativo mosense en xeral e, en particular, cos colectivos veciñais e comunidades de usuarios de augas», aseguraban dende a institución local. A alcaldesa destacou neste senso “a importancia destas actuacións a realizar grazas a estas axudas autonómicas e provinciais e o tesón das Comunidades de Augas beneficiarias das mesmas para conseguilas”, destacando a “valía das comunidades de augas e o seu papel vital á hora de construír un Mos mellor”. As Comunidades de Usuarios de Augas son entidades que contribúen a construír un Mos e unha Galicia máis avanzada, máis participativa, máis cohesionada. O obxectivo destas axudas é potenciar a capacidade das asociacións e contribuír á implantación homoxénea destas entidades en todo o territorio.


Estas subvencións están dirixidas ás comunidades de augas para mellorar o medio rural e as barriadas urbanas mediante un mellor aproveitamento dos recursos; velar pola xestión da auga apoiando e fortalecendo a participación das comunidades locais; garantir o acceso universal e equitativo á auga potable, asegurando a súa calidade e sostibilidade; impulsar infraestruturas e equipamentos comunitarios que faciliten a autoxestión e a transformación social do territorio e, en definitiva, mellorar a calidade de vida dos veciños, fomentando e dinamizando a implantación homoxénea de servizos comunitarios básicos. Cos recursos económicos aportados pola Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, as entidades poderán mellorar, reformar ou reparar as súas infraestruturas e instalacións de auga comunitaria; realizar actuacións de dixitalización, sostibilidade e eficiencia enerxética que
impliquen unha mellora da calidade da auga; mellorar os sistemas de tratamento; legalizar novas concesións ou renovar as existentes, así como mellorar as captacións e as infraestruturas de almacenamento de auga. Grazas ás subvencións, as comunidades de augas beneficiarias, realizarán nas súas instalacións traballos de mellora.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS