A emoción do primeiro día invade as aulas, que contan cun número similar de alumnos con respecto o curso anterior
Esta mañá volveron ás aulas 2.936 estudantes no Porriño, dos distintos niveis educativos desde infantil ata bacharelato, incluíndo ciclos medios e superiores de Formación Profesional e o alumnado de ACEESCA, segundo informa a concelleira de Educación, Carolina González.
Neste curso académico hai 445 estudantes de Educación Infantil, un 15,2% do alumnado total, e o centro con máis alumnos de 3 a 5 anos é o CEIPP Antonio Palacios, con 109 cativos e cativas.
Educación Primaria suma 1.127 estudantes, un 38,4% do total, sendo o CEIPP Fernández López o que acolle o maior número deles: 268.
A Ensinanza Secundaria Obrigatoria (ESO) conta con 840 estudantes, un 28,6% do total, dos cales 381 cursarán no IES Pino Manso.
O alumnado de Bacharelato do IES Pino Manso duplica ao do IES Ribeira do Louro, e en total suman 282 estudantes, un 9,6% dos alumnos e alumnas que comezan este curso nos centros educativos do Porriño.
A Formación Profesional comeza setembro con 214 estudantes: 89 de FP Básica, 58 de Ciclos Medios e 67 de Ciclos Superiores. Pola súa banda, ACEESCA conta con 28 alumnos e alumnas.
En xeral, os números totais de estudantes son moi similares ao curso anterior. O centro
educativo con máis alumnos este ano é o IES Pino Manso, cunhas 30 matriculacións máis que o ano pasado, superando a barreira dos 600 alumnos e alumnas. O CPR Hermanos Quiroga e o CEIPP da Ribeira tamén incrementan alumnado este curso, pero os datos non son definitivos, recorda Carolina González, xa que aínda se están a tramitar matriculacións de última hora.
Alejandro Lorenzo, visitou o CEIP da Cruz de Budiño esta mañá e comprobou a emoción de
pequenos e maiores. “Comeza un novo curso e con el a oportunidade de aprender algo novo cada día, de facer amigos e vivir un montón de experiencias que gardaredes para sempre”, comentou o rexedor. “Feliz volta ao cole e a disfrutar moito desta fermosa etapa!”