O festival celebrarase no espazo da Expourense a partir dás 17:00 horas
Esta mañá, tivo lugar en Ourense a presentación do festival OUR Fest. No acto, estivo presente o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, quen o definiu como unha das citas “culmen deste verán 2024”.
Ademais, aproveitaba o momento para falar sobre a gran oferta que este verán houbo na comunidade, xa que este tipo de eventos están a conseguir “axudar a diversificar a oferta turística galega”.
Como explicou Merelles, a terceira edición do OUR Fest celeberase este sábado, 14 de setembro, na Expourense. Un evento que conta co apoio de Turismo de Galicia e que permite “afianzar a cidade como destino turístico de grandes festivais incentivando tamén o turismo urbano nesta etapa final do verán”.
O director de Turismo de Galicia subliñou a capacidade deste festival de mover cada ano arredor de 4.000 persoas cunha fórmula que mestura “o mellor do rock alternativo, o indie e outros estilos musicais e achegou a Galicia bandas internacionais como Primal Scream, Belle & Sebastian, Metronomy o The Big Moon en 2022 e Suede, Grande Amore, Baxter Dury ou Kula Shaker”.
Nesta terceira edición, na que a música non deixará de soar durante toda a tarde e parte da noite do sábado de xeito ininterrompido, actuarán artistas e bandas coma Jake Bugg, Miles Kane, Teenage Fanclub, Yard Act, Los Enemigos ou Caballo Prieto Azabache.
“Ourense consigue diferenciarse así como a sede dun evento musical destas características no que se dan cita bandas e intérpretes que suman calidade a esta cita musical”, afirmou o director de Turismo de Galicia, destacando a importante aposta da Xunta de Galicia por este evento.
Cidade de Ourense, destino internacional
O director de Turismo de Galicia puxo en valor a capacidade de atracción desta cita musical de público chegado non só desde calquera punto de Galicia, senón tamén doutros lugares de España e fóra dela.
Neste sentido, fixo referencia aos bos datos da cidade no que vai de ano, con máis de 77.000 viaxeiros de xaneiro a xullo e onde se está a notar a destacionalización con incrementos no volume de noites nos establecementos de aloxamento nos meses febreiro, marzo, maio e xuño entre un 5% e un 8%.
“Nestes sete primeiros meses destaca tamén o incremento do turismo internacional na cidade, que medra un 33% e tamén o incremento da rendibilidade hoteleira nun 30%”, indicou.