viernes, noviembre 22, 2024
InicioComarcasÁrea de VigoAparece vandalizada a escultura que homenaxea a Bernardo Seoane en Soutomaior

Aparece vandalizada a escultura que homenaxea a Bernardo Seoane en Soutomaior

En menos de 24 horas, o Concello restaurou a obra que aparecía este luns pola mañá fóra da súa base

O Goberno de Soutomaior vén de restaurar en menos de 24 horas a peza cedida polo escultor e artista local, Bernardo Seoane. A obra sufriu un acto de vandalismo este mesmo luns pola mañá e desde o momento en que se tivo coñecemento, o Concello de Soutomaior xestionou todo o proceso de arranxo para que a escultura estivese restaurada o antes posible.

En concreto, a peza, cuxo nome é ‘O camiño das estrelas’, atópase ao remate do paseo marítimo de Arcade, ao carón da ponte romana de Ponte Sampaio.

O luns ao mediodía foron varios os veciños e veciñas que notificaron que a escultura aparecera cercenada da súa base e tirada ao carón. Nese momento, iniciouse o proceso de restauración que rematou a propia tarde do luns co anuncio do rexedor local, Manu Lourenzo, nas súas redes sociais de que ’O camiño das estrelas’ volvía a estar no seu lugar correspondente.

Foi o pasado mes de abril cando se presentou esta obra ante a veciñanza de Soutomaior, nun acto no que tamén se proxectou un documental sobre a vida e obra de Bernardo Seoane, realizado polo documentalista Breikus.

Neste sentido, o alcalde Manu Lourenzo sinalou que “de verdade que hai cousas que non son doadas de entender”, en relación ao acto vandálico que sufriu a escultura doada por Bernardo Seoane.

Unha vez arranxada a peza, Manu Lourenzo prefiriu quedarse coa fonda pegada que este ilustre veciño deixou no concello. “Non se pode entender o Soutomaior de hoxe sen ter presente a importancia de Bernardo para a nosa cultura popular. Milleiros de veciños e veciñas de Soutomaior e de Ponte Sampaio temos desfrutado coas súas esculturas ao paso pola ponte”, concluíu.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS