viernes, noviembre 22, 2024
InicioNewsActualidadeOurense presenta un proxecto para plantar máis de 10.000 árbores e combater...

Ourense presenta un proxecto para plantar máis de 10.000 árbores e combater o cambio climático

Un estudo que prevé multiplicar por 1,4 as unidades existentes na cidade cun investimento de entre 8 e 10 millóns de euros

O Concello de Ourense presenta o proxecto de plantación de 14.000 novas árbores coa finalidade de mellorar a calidade de vida na cidade. No día de hoxe publicou na web municipal o estudo “Infraestrutura verde para a mellora da calidade de vida na cidade de Ourense”, realizado pola empresa consultora PWACS coa colaboración de Green Urban Data.

O documento, que ten como obxectivo combater e mitigar o quecemento global producido polo cambio climático na cidade máis calorosa do noroeste peninsular, define as actuacións que se prevé realizar, as zonas de oportunidade para o desenvolvemento das actuacións piloto, os orzamentos e a distribución temporal dos traballos.

Prevese que requirirá un investimento de entre 8 e 10 millóns de euros, xa que o estudo inclúe non só as árbores que se plantarán, senón tamén as obras de infraestrutura, mantemento ou itinerarios peonís, entre outras.

O goberno municipal apela á colaboración da Xunta de Galicia, da que agarda que se implique no financiamento desta intervención, “todo depende da Xunta”, aseguran.

Unha proposta que xa se comunicara á Xunta durante o mandato de Feijóo

Lembran a este respecto que o alcalde da cidade, Gonzalo Jácome, xa trasladara esta proposta ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e ao seu predecesor, Alberto Núñez Feijóo, nas últimas xuntanzas mantidas con estes. Trátase ademais dunha das iniciativas que o rexedor quere tratar na reunión que lle ven solicitando desde hai cinco meses ao titular da Xunta.

O goberno local advirte a este respecto que se trata dun proxecto “que o propio Alfonso Rueda fixo seu, xa que recentemente anunciou que plantaría 250.000 árbores en Galicia”.

Dende o Concello de Ourense entenden tamén que, polas súas características, este será un proxecto piloto en Europa, que se podería levar a cabo despois noutras cidades para combater o cambio climático. O Concello tamén concorrerá ás convocatorias de axudas doutras administracións para financialo.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS