Os datos, aínda que inferiores ao mesmo mes dos anos anteriores á pandemia, permiten mirar con optimismo a este verán no que ao turismo se refire.
A Oficina Municipal de Turismo do Concello de Tui atendeu durante o pasado mes de xuño a 4.067 persoas que se achegaron ate este punto demandando información turística do municipio, e da zona, así coma sobre o Camiño Portugués.
Entre a primeira e a cuarta semana de xuño case se duplicou o número de persoas que acudiron á Oficina Municipal pasando de 809 ( 560 peregrinos e 249 turistas) a 1.518 (612 peregrinos e 906 turistas).
O concelleiro de Turismo, Patrimonio e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, valora moi positivamente estes datos que reflicten a reactivación que se está a producir no sector turístico da cidade, así coma no propio Camiño de Santiago, o que redunda amais positivamente na economía local.