A Deputación de Pontevedra organiza esta fin de semana dous novos percorridos do programa provincial +Bosques, que mobilizará un total de 30 persoas ata os espazos naturais do lago de Castiñeiras (Marín e Vilaboa, sábado 7 de setembro) e do río Xabriña (Covelo, domingo 8 de setembro). Os percorridos teñen unha duración de arredor de 3 horas co fin de afondar sobre estes espazos, lugares protexidos ou con exemplares botánicos singulares.
+Bosques promove o contacto directo coa natureza, permitindo ás persoas participantes gozar das vantaxes da modalidade dos “baños de bosque” a través de preto de 40 percorridos organizados entre xuño e outubro polos ríos Almofrei (Pontevedra) e Xabriña (Covelo), O Carreirón (A Illa de Arousa), Cabo Udra (Bueu), a Illa de Tambo (Poio), o Lago Castiñeiras (Marín e Vilaboa) e o Pazo de Lourizán (Pontevedra). Os itinerarios do mes de setembro teñen todas as súas prazas esgotadas e para os itinerarios de outubro o prazo de inscrición abrirá o luns 16 de setembro.
A Deputación, a través de +Bosques, está a organizar este mes nove percorridos todos os sábados e domingos por eses sete espazos naturais que representan a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade da provincia de Pontevedra, tanto nas zonas costeiras como nas do interior. Todas as rutas pretenden proporcionar ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do “baño de bosque” e a conexión directa en e coa natureza. +Bosques promove a estimulación sensorial a través dos sentidos, así como a realización de exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural.