Sanidade esixe unha proba diagnóstica negativa ou o certificado de vacinación completo para acceder aos locais de ocio nocturno nos concellos de nivel medio.
Galicia continúa dando pasos cara adiante na reapertura do ocio nocturno. Ata o de agora, os locais do sector só podían abrir naqueles municipios nos que rexían as limitacións do nivel máis baixo en vigor mais a partir do sábado 10 de xullo tamén o poderán facer nas localidades que estean incluídas no nivel medio.
Para isto, a clientela que desexe acceder ao local, deberá presentar o resultado dunha proba diagnóstica negativa, realizada nun máximo de 48 horas antes, ou o certificado de vacinación completa. Esta obriga non será necesaria nos municipios que rexen as medidas do nivel máis baixo de restricións en vigor. O titular da carteira sanitaria da Xunta, apuntou que «o Executivo galego aposta polo desenvolvemento dun ocio seguro», ao tempo que trasladou a preocupación das autoridades sanitarias polo aumento de casos positivos entre a mocidade.
Aumenta a incidencia na comunidade
A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, apuntou que a situación epidemiolóxica de Galicia está a experimentar un incremento tanto na súa incidencia acumulada como na súa taxa de positividade. Así, explicou que a incidencia a 7 días en Galicia é de 62 casos (polos 155 de media do Estado), e que a 14 días é de 98 casos (polos 225 da media nacional). Durante a súa intervención, comentou que 124 concellos non declararon ningún novo caso covid nos últimos 14 días, e que, outros 143 municipios, tampouco o fixeron nos últimos 7 días.