Alcaldes e alcaldesas dos 13 concellos que forman parte desta iniciativa mantiveron un encontro para coñecer os últimos avances do PSTD ‘A Despensa de Galicia’
O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño continúa o seu firme avance na implantación de proxectos turísticos conxuntos, cunha clara aposta pola posta en valor dos seus recursos naturais e patrimoniais.
Alcaldesas, alcaldes, concelleiras e concelleiros dos trece concellos implicados no Plan de Sostibilidade Turística en Destino ‘A Despensa de Galicia’ (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Tomiño e Tui) reuníronse na Guarda para facer balance das actuacións realizadas ata o momento e coñecer as accións que se levarán a cabo nas vindeiras semanas.
A presidenta da Asociación de Desenvolvemento Rural Galicia Suroeste EuRural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou a importancia do traballo colaborativo que se está a realizar, “creando un modelo de desenvolvemento turístico que non só promove os nosos recursos, senón que tamén aposta pola conservación e posta en valor do noso territorio a longo prazo”.
Setembro traerá máis actividades e a nova imaxe da iniciativa
Por iso, setembro será un mes de moita actividade. O vindeiro día 16 darase un paso máis neste camiño coa presentación no Porriño do inventario de recursos turísticos do territorio. Trátase dunha ferramenta que permitirá contar con información para establecer as prioridades de traballo nos ámbitos relacionados cos miradoiros, as rutas de senderismo e o cicloturismo, que reflicte o compromiso dos concellos coa promoción dun turismo sostible.
Ademais, o Xeodestino está a ultimar os detalles da renovación da súa marca, un proceso que se leva desenvolvendo nos últimos meses e que culminará coa presentación da nova imaxe oficial a finais deste mes na Guarda.
A representante institucional do Xeodestino e alcaldesa de Oia, Cristina Correa, explicaba que “queremos amosar o impacto positivo que xeran en todo o territorio os proxectos deseñados ao abeiro do noso PSTD, xa que son iniciativas que non se limitan ao reparto de recursos por concellos, senón que se enfoca en desenvolver iniciativas que beneficien a todo o territorio”.
O PSTD ‘A Despensa de Galicia’ forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), a estratexia formulada polo Goberno de España para acelerar a recuperación social e económica tras a pandemia da COVID-19 e que conta co apoio e o financiamento da Unión Europea a través do programa NextGenerationEU.