No pleno establecéronse tamén os festivos locais para o 2025: o 11 de xullo celebrarase San Benito e o 29 de setembro o Cristo
O pleno da corporación abordou hoxe varios puntos de relevancia para o municipio. En primeiro lugar, establecéronse os festivos locais para as seguintes datas: o venres 11 de xullo de 2025 celebraranse as Festas de San Benito, e o luns 29 de setembro de 2025 conmemoraranse as Festas do Cristo.
Ademais, o Pleno aprobou -cos votos a favor do goberno local, a abstención do PSOE e o voto en contra do BNG- o expediente de contratación da obra para a construción do novo auditorio, que contará cun orzamento de execución de 2.786.206,50 euros. Ao superar a inversión o 10% do orzamento, o proxecto tivo que ser sometido á aprobación do pleno e xa está en licitación.
Este novo espazo cultural non só enriquecerá a oferta cultural da vila, senón que permitirá levar a cabo actividades que ata o de agora non era posible acoller. Contará con 340 butacas, das cales 156 serán fixas e 184 de grada retráctil. Este aspecto supuxo un incremento de 275.000 euros na previsión inicial, pero mellorará as posibilidades de uso notablemente.
Así mesmo, tívose en conta o acondicionamento acústico da sala, un aspecto fundamental para garantir a calidade dos eventos que levarán a cabo no novo auditorio. Este proxecto acústico, que foi unha cuestión prioritaria, redactouno unha empresa especializada no deseño de espazos acústicos de altas prestacións, o que resultou nun incremento adicional de 260.000 euros sobre a previsión inicial.
Como xa se anunciara, dispoñerá de dous baños adaptados e unha zona de camerinos completamente equipada vinculada co acceso ao escenario. A estética do mesmo dialoga co edificio principal, onde se ubica na actualidade o Centro Cultural, con muros de formigón encofrados, acabados interiores de madeira de Okume e pedra granítica no exterior.
O salón de actos terá dous accesos, un desde a entrada do Centro Cultural Municipal e outro desde a rúa Xosé Fernández López, e contará cunha escaleira lateral de acceso á parte alta do auditorio, fundamental no caso de que estean as gradas recollidas. O edificio contará tamén cun espazo exterior cuberto de usos múltiples vinculado ao auditorio actual do Centro Cultural no que se desenvolverán actos ao aire libre.
“O novo auditorio será pronto unha realidade”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Non son promesas, son feitos, xa que O Porriño non conta cun espazo cultural en condicións que atenda as súas necesidades”.