jueves, noviembre 21, 2024
InicioNewsActualidadeO Porriño reforza a súa aposta por unhas Festas do Cristo sen...

O Porriño reforza a súa aposta por unhas Festas do Cristo sen barreiras

Cada día reservaranse dúas horas sen ruído e con preferencia de acceso ás persoas con diversidade funcional no recinto de atraccións e implementaranse outras medidas para garantir a participación de todas as persoas

O Concello do Porriño quere reforzar a súa aposta pola inclusión cunhas Festas do Cristo sen barreiras e para todos e todas. Retomando a iniciativa do ano pasado, deseñáronse espazos e servizos que buscan garantir a participación de todas as persoas, independentemente da súa condición.


O `espazo´ sen ruído no recinto de atraccións, que o ano pasado se puxo en marcha un día, amplíase a todos os días das festas de 17:30h a 19:30h. Este espazo está pensado especialmente para persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA), quen a miúdo poden verse sobreestimuladas polo ruído e as multitudes. Ao ofrecer un ambiente tranquilo, búscase que poidan gozar das atraccións de maneira máis cómoda e pracenteira. Ademais, habilitarase un acceso independente para persoas con diversidade funcional, permitindo que poidan acceder ás atraccións sen necesidade de facer cola.


Outra gran novidade é a inclusión dunha intérprete en lingua de signos que acompañará á pregoeira, Juana da Cruz “Juaniña” durante a lectura do pregón. Esta medida é un paso significativo cara á inclusión das persoas xordas, asegurando que poidan gozar plenamente deste momento tan especial e simbólico das festas.


Así mesmo, habilitarase un espazo reservado en todos os eventos e concertos para persoas con diversidade funcional, garantindo que todos teñan a oportunidade de gozar da música e as actividades programadas.

Controlarase o nivel de ruído co obxectivo de minimizar as molestias á veciñanza. Nos días laborables, establecerase un límite de 90 decibeis ata a medianoite e 80 decibeis ata o peche. Nos festivos e vésperas de festivos, o límite será de 90 decibeis ata a 1:00h e 80 decibeis ata o peche.


Ademais, desde a Concellería de Festexos manteñen como nas dúas pasadas edicións, a súa determinación de que sexan unhas festas sen pirotecnia, para evitar tanto o estrés que supón aos animais como ás persoas con condicións de saúde que precisen dun ambiente tranquilo e libre de ruídos fortes.


“Estas festas son para todos e todas, son días de celebración e non queremos deixar a ninguén atrás”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.


Riguroso control das atraccións
O Concello do Porriño levou sempre un rigoroso control das atraccións que se instalan nas festas patronais, prestando os servizos de auditoría e inspección. Como novidade, non só se realizará unha revisión da montaxe antes de que abran ao público, senón que tamén se levarán a cabo inspeccións sorpresivas durante o tempo que estean en funcionamento, o que permitirá unha supervisión máis exhaustiva.


O servizo foi licitado este ano. Algo crucial xa que a seguridade dos usuarios e usuarias é a prioridade número un. Así, o Concello do Porriño busca non só cumprir coa normativa, senón asegurarse de que se pode disfrutar con tranquilidade dunhas festas nas que a seguridade e a diversión van da man.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS