O prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro 30 de setembro, e poden participar un máximo de 34 centros escolares da provincia
A Deputación de Pontevedra acaba de lanzar unha nova edición do programa DepoEmprende, que se desenvolverá ao longo do vindeiro curso escolar 2024-2025 nos centros educativos da provincia. A iniciativa ten como obxectivo fomentar o emprendemento a cultura emprendedora nas aulas como motor de innovación da competitividade, da creación de emprego e do crecemento económico. O programa está dividido en tres proxectos para as diferentes etapas da Educación Primaria e Especial, Secundaria e Formación Profesional, e os centros educativos da provincia poderán solicitar a súa adhesión ao mesmo desde hoxe e ata o vindeiro 30 de setembro, ambos incluídos, a través da Sede electrónica da Deputación.
En total, poderán participar un máximo de 34 centros escolares da provincia nos diferentes proxectos. Deste xeito, no caso de DepoEmprende na Escola, dirixido ao alumnado de Educación Primaria (5º ou 6º curso) e de Educación Especial, poderán participar un máximo de 14 centros que crearán e xestionarán unha cooperativa na que fabricarán produtos para a súa venda. Parte dos beneficios que obteñan con esta actividade, doaranse a accións sociais ou ás ONG que elixan por consenso. Por outra banda, serán dez os centros que poderán participar en DepoEmprende na ESO, que está enfocado ao alumnado de 4º da ESO, que creará tamén cooperativas nas que distribuirán produtos adquiridos de empresas provedoras segundo criterios de sostibilidade e responsabilidade social corporativa. Finamente, o proxecto culminará coa venda dos produtos e tamén unha parte irá destinada a accións sociais ou ONG. Nesta modalidade o alumnado é protagonista da súa propia aprendizaxe, poñendo en práctica capacidades de negociación, de toma de decisións, de comunicación e resolución de conflitos.
Por último, DepoEmprende na FP vai dirixido ao alumnado de Formación Profesional de Grao Medio ou Superior, que a través desta iniciativa desenvolverá proxectos empresariais dun sector que preferentemente estea relacionado coa familia co ciclo formativo que cursen, nos que se potenciará a adquisición de competencias e aptitudes relacionadas co emprendemento, tanto no ámbito empresarial como no autoemprego, e as actitudes necesarias para asumir riscos e responsabilidades. Así mesmo, o alumnado poderá participar nos Premios Demo Day convocados ao abeiro deste proxecto. Para axudarlles neste proceso, a Deputación ofreceralles un servizo de asesoramento que comprende apoio, mentorización, orientación e asesoramento directo ás e aos estudantes no proceso de desenvolvemento dos proxectos e iniciativas emprendedoras viables. Isto inclúe desde guiar o proceso de desenvolvemento da idea e do plan de negocio ata a planificación do plan de lanzamento. Tamén neste caso a iniciativa está aberta a un máximo de 10 centros.
Ao longo do programa, a Deputación dotará aos centros participantes de recursos e ferramentas para posibilitar o desenvolvemento eficaz das accións relacionadas con cada un dos proxectos, para as cales se realiza un proceso permanente de seguimento e avaliación. A ferramenta principal é o Portal Educativo de DepoEmprende, unha plataforma que facilita e dinamiza a institución provincial a fin de potenciar a comunicación entre os centros participantes, favorecer o acceso aos recursos formativos e didácticos e asegurar a orientación, asesoramento e titoría de forma continua. Todos os requisitos e características de cada un dos programas poden consultarse nas bases do programa, publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).