Será o luns ás 20:00 horas na Sala Municipal, onde tamén se poderá ver a mostra “As familias criptoxudías, entre a diáspora e a asimilación, os Coronel”
Este luns, 2 de setembro, dende ás 20:00 horas na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui terán lugar varias actividades dentro do programa “Setembro xudeu en Tui”. A primeira, a pintora e escritora de Costa Rica, Vilma Faingezicht, presentará o seu último libro “Una judía en el Camino de Compostela”.
Noa súa obra relata a súa experiencia persoal como peregrina xacobea fai dous anos e no que ten unha significación substancial a elección, case casual, de Tui como lugar de inicio da peregrinaxe. Isto débese a que é no municipio tudense onde se atopa coa colección de sambenitos que dada a súa condición de xudía determinará a súa experiencia como peregrina.
Haberá dúas exposicións artísticas na Sala Municipal
Froito deste encontro cos sambenitos tudenses, Faingezicht retoma unha colección de obras pictóricas e collage centradas na Inquisición que actualiza para presentar en Tui. A mostra titúlase “Luces de esperanza dende os sambenitos de Tui” e na que nos ofrece a súa particular visión do papel da Inquisición nas comunidades xudías e como aínda perdura.
Esta exposición “Luces de esperanza dende os sambenitos de Tui” estará aberta ao público ata o 27 de setembro. Estará complementada pola exposición “As familias criptoxudías, entre a diáspora e a asimilación, os Coronel”, comisariada polo historiador tudense Suso Vila.
Esta segunda exposición incide na temática da presente edición das Xornadas Europeas da Cultura Xudía dedicada este ano á “Familia”. Nesta mostra, os espectadores realizarán un percorrido pola traxectoria dunha das familias criptoxudías tudense máis representativa, os Coronel.
Para Ana María Núñez, concelleira de Turismo e Patrimonio, «resulta un privilexio contar coa presenza en Tui de Vilma Faingezicht a quen agradece o esforzo e entusiasmo para esta colaboración co Concello de Tui, tanto na presentación tanto do seu libro como da mostra da súa obra pictórica que incide en dous eixos da promoción turística e cultura da nosa cidade, o Camiño de Santiago e o patrimonio xudeu».