O Multiusos das Pozas acolleu este encontro organizado polo Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos.
O acto foi inaugurado pola alcaldesa Nidia María Arévalo, que aproveitou a ocasión para agradecer a asistencia desinteresada das empresas participantes, así como de todas as empresas do municipio e arredores que colaboran no programa de prácticas e inserción.
A rexedora fixo un balance positivo do compromiso do Concello de Mos co emprego e así mesmo agradeceu a implicación da Asociación de Empresario de Mos (Aemos) en todo o relativo a esta materia: formación, técnicas e programas de procura de emprego.
Preto dun cento de persoas puideron asistir, de xeito presencial ou a través de streaming, ao evento, e que tamén segue dispoñible na seguinte ligazón: https://youtu.be/g0Kz5hu55zM
Dende o programa Integrado do Concello de Mos, consideran moi beneficioso, didáctico e práctico a realización de sesións, coloquios e mesas sectoriais como estas para dar a oportunidade aos usuarios participantes de ter un contacto directo e próximo coas empresas, nas que poder resolver as súas dúbidas e inquedanzas relacionadas co mercado laboral.
Dende o ano 2015 o Concello leva executados 6 programas integrados de emprego nos que atendeu a case 500 persoas logrando unha inserción do 75%
Dentro dos retos acadados neste VI Programa Integrado que se está a desenvolver dende o pasado 9 de novembro de 2020 o 65% das persoas participantes traballan ou traballaron. Ademais impartíronse un total 1062 horas de formación (transversal e específica) e 2270 horas de formación en liña, así como diversos convenios de prácticas con empresas de diferentes sectores nos que participaron un total de 17 persoas ata o día de hoxe.
O acto foi clausurado pola concelleira de Promoción económica, desenvolvemento empresarial e Emprego Julia Loureiro que convidou a todas as persoas asistentes a facer uso dos servicios municipais de emprego localizados na Axencia de Colocación de Mos.