A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ven de comunicar a concesión da financiación, cun importe de máis de 400.000 euros, dos custos de formación profesional para o emprego do proxecto do Obradoiro dúal denominado “SALVATERRA EMPREGA IV”. Esta acción enmárcase dentro das políticas activas de emprego que está realizando o Concello e que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas mediante a realización dun traballo efectivo. Ademais, ofrecen unha formación profesional, relacionada directamente con dito traballo, para procurar a súa cualificación e favorecer a súa posterior inserción laboral.
SALVATERRA EMPREGA IV terá unha duración prevista de 9 meses, onde se pretende formar a 20 persoas desempregadas nas especialidades formativas no ámbito Forestal e de Xardinería. Con este obradoiro o alumnado traballador adquirirá os coñecementos necesarios mediante a realización de tarefas que responderán á prestación do servizo en si.
As obras a realizar a través deste obradoiro están destinadas a darlle continuidade a posta en valor do parque forestal Monte Castelo, ubicado na parroquia de Pesqueiras, e no cal se está traballando a través dun convenio coa CCMM. Esta colaboración ten a finalidade de seguir mellorando o patrimonio do municipio e reforzar un recurso turístico moi importante para Salvaterra de Miño. Por outro lado, a través das actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería farase un traballo de mellora nas zonas verdes, parques así como nas sendas municipais.