O alcalde, Manu Lourenzo, tamén destacou a ampliación do aparcadoiro da Avenida Xosé Solla como outra gran medida de apoio ao comercio local
O Goberno de Soutomaior vén de presentar un mapa con todos os establecementos que conforman o seu comercio local. Este estará dispoñible tanto en formato físico na Oficina de Turismo Municipal coma en formato dixital na páxina web do concello.
A iniciativa ten por obxectivo que as persoas que vistan a vila coñezan as diferentes opcións que hai para consumir en establecementos locais. Desta forma, a repercusión do turismo na zona será positiva en todos os negocios da localidade.
Aumento do número de persoas que visitan a vila
Cada ano, Soutomaior rexistra centos de persoas que visitan o concello. De feito, este martes, 27 de agosto, a oficina superou o seu récord de atención nunha xornada cun total 484 visitantes.
Neste sentido, o Concello de Soutomaior traballa con medidas como a elaboración do mapa dos establecementos locais para sacar o máximo proveito ao volume de visitantes que chegan ao concello.
Outra das medidas desenvoltas polo grupo municipal para fomentar o comercio é a ampliación dun dos principais aparcadoiros da Avenida Xosé Solla. As obras comezaron a semana pasada e teñen como obxectivo triplicar o número de prazas que, actualmente, ofrecía este aparcadoiro.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “estas medidas encádranse na estratexia do Goberno de Soutomaior para promocionar o noso comercio local e deixar de ser unha vila dormitorio» e engadia que «Soutomaior ten moito que ofrecer, tanto para os seus veciños e veciñas como para as persoas que nos visitan”.