Esta obra supón a demolición das antigas instalacións, o que permitirá un novo edificio cunha mellora dos espazos e a simplificación das conexións co novo edificio de hospitalización
A Xunta construirá un novo edificio que unificará todos os servizos de materno infantil do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). Así o avanzou hoxe a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.
Martínez incidiu na honra que supón para o departamento que dirixe contribuír ao fortalecemento da sanidade pública galega, a través de novas ou renovadas infraestruturas,
“para que os profesionais gocen de todas as vantaxes dun edificio moderno e funcional o que repercutirá nunha mellor e máis cómoda atención aos pacientes e aos seus acompañantes”.
Con este obxectivo se está traballando no CHUO, construíndo un novo edificio de hospitalización e ambulatorio de 12 plantas e, ademais, tal e como destacou a conselleira, construirase un novo edificio que unificará todos os servizos de materno infantil.
A conselleira explicou que esta obra supón a demolición das antigas instalacións, seguindo as suxestións dos técnicos especialistas. A este respecto, quixo destacar a ganancia en funcionalidade, “porque unha nova obra permitirá adaptar os espazos á demanda dos profesionais”, posibilitando neste caso, un novo espazo adicional no soto. Tamén con este proxecto se simplificarán as conexións co novo edificio de hospitalización e entre este e o Hospital Cristal.
Respecto ao cronograma previsto nas intervencións no CHUO, a conselleira apuntou a previsión de que as obras deste complexo se intensifiquen no outono, acometéndose, non só os traballos do novo edificio, senón tamén os dos primeiros traslados necesarios.
A conselleira situou entre finais de 2025, principios do 2026, a previsión do traslado dos servizos do Materno ao novo edificio e o comezo da demolición do bloque do Materno para, a continuación, construír as novas instalacións.