domingo, noviembre 24, 2024
InicioNewsActualidadeTomiño aposta pola implantación dun novo modelo de xestión de residuos

Tomiño aposta pola implantación dun novo modelo de xestión de residuos

Tomiño aspira a ser o primeiro concello de Galicia en cumprir a directiva europea que obriga a reciclar o 50% dos residuos

O Concello de Tomiño está a dar pasos importantes para unha xestión máis sostible dos seus residuos urbano. Entre as accións nas que están traballando, está a sinatura dun convenio de colaboración de cara á implementación do novo modelo de xestión de residuos coa Associação de Municípios para a Gestão Sustentável de Resíduos do Grande Porto (LIPOR).

LIPOR trátase dunha agrupación de concellos fundada en 1982 que xestiona, valoriza e trata máis de 500.000 toneladas de residuos urbanos producidas polos habitantes dos oito municipios que a integran que son Espinho, Gondomar, Maia, Matosinhos, Porto, Póvoa de Varzim, Valongo e Vila do Conde.

O Concello recibiu hai uns días a visita dunha delegación encabezada polo Director Xeral da Lipor, Fernando Leite, para afondar nos detalles deste convenio que permitirá á entidade lusa asesorar a Tomiño na implantación do novo sistema de recollida selectiva.

O acordo formalizarase nas vindeiras semanas

Deste xeito, Tomiño aspira a ser o primeiro concello de Galicia en cumprir a directiva europea e a Lei estatal que obriga a reciclar como mínimo o 50% dos residuos.

Neste camiño, durante o encontro, a alcaldesa Sandra González, salientou a importancia da colaboración con LIPOR “para que o concello poida afrontar os retos ambientais de presente e de futuro, implementando sistemas innovadores que mellorarán a recollida e o tratamento dos nosos residuos, optimizando o servizo, cumprindo a normativa e beneficiando dun xeito claro á nosa veciñanza”.

Esta colaboración entre Concello e LIPOR formalizarase na vindeira visita dunha delegación do Goberno tomiñés ás instalacións da agrupación, un acordo que marcará o inicio dunha nova etapa na xestión dos residuos en Tomiño.

Como explica a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, “o noso compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a economía circular vai máis alá do papel. E agora que imos a cambiar o sistema de xestión de residuos é o momento de buscar o mellor modelo posible para acadar os obxectivos que nos marcan dende Europa nesta materia e seguir ofrecendo un servizo medioambientalmente sostible e de calidade”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS