A Deputación de Pontevedra financia a través do programa +Música a actuación musical de Luar na Lubre que se celebrará este sábado 24 de agosto a partir das 22:30 horas no recinto amurallado de Salvaterra de Miño. Con esta iniciativa, a institución provincial pon á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un catálogo de artistas galegos e en galego co obxectivo de fomentar a nosa cultura e a nosa lingua, así como impulsar a reputación da provincia de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel.
Luar na Lubre está a piques de facer catro décadas en activo coa vocación de interpretar, desenvolver e divulgar a música e a cultura galegas. O seu repertorio está baseado fundamentalmente nas músicas de raíz, dende o respecto pero con perspectiva de modernidade. En Salvaterra presentarán as cancións do traballo ‘Luar Na Lubre XX. Encrucillada’, un libro-disco recompilatorio que recolle algúns dos temas máis emblemáticos do seu repertorio, cunha cronoloxía fotográfica e literaria da súa dilatada historia, ademais dos testemuños de 50 artistas relevantes que colaboraron con esta formación.
O concerto de Luar na Lubre forma parte da programación da LXV Festa do Viño do Condado de Tea, e é unha das 59 actuacións que se están a celebrar entre maio e setembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia no marco deste programa provincial: 5 en maio, 2 en xuño, 20 en xullo, 26 en agosto e 6 en setembro. +Música ten un orzamento de 600.000 euros, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos.