Os centros educativos de Redondela recibirán unha serie de axudas para poder levar a cabo obras de mellora nas súas instalacións
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o concelleiro de Ensino, Iván Valles, reuníronse hoxe en Pontevedra co xefe territorial de Ensino, César Pérez Ares, para tratar as necesidades dos centros públicos de Redondela.
Ante as demandas do grupo municipal redondelán, a Consellería de Educación vai levar a cabo investimentos de máis de 2,6 millóns de euros en nove centros educativos de Primaria e Secundaria.
Desta forma, se prevé que se leven a cabo reformas no EEI A Marisma por un importe de case 68.000 euros, no CEIP Laredo por valor de 36.000 euros, no CEIP Quintela por 48.000 euros e no CEIP Reboreda por máis de 310.000 euros.
No referente á Educación Secundaria, os investimentos serán no IES Illa de San Simón por importe de máis de 69.000 euros, no IES Mendiño que superan os 240.000 euros e no IES Pedro Floriani por case dous millóns de euros. Neste último instituto levarase a cabo unha amplicación nas instalacións.
Durante a reunión falouse tamén sobre o convenio cos institutos do Concello para uso dos pavillóns polideportivos, a través do acordo coa Federación Galega de Municipios (FEGAMP), sobre as obras de reforma integral do CEIP Alexandre Bóveda. Ademais, aproveitaron para demandar tamén obras de mellora para a eficiencia enerxética nos centros de Quintela e Cedeira.
Deficiencias no trasporte escolar
A alcaldesa insistiu na urxencia de dar resposta ás necesidades de transporte escolar dos institutos da localidade, xa que son máis de 80 os alumnos e alumnas que carecen de servizo de autobús.
Desde o Concello realizáronse os traballos técnicos para cubrir este servizo cun plan de transporte “que é unha prioridade para este goberno local”, sinala a alcaldesa, Digna Rivas.
Por iso, dende a consellería de Ensino trasladaron esta petición á Dirección Xeral de Mobilidade, a cal é a responsable de administrar estas peticións, para manter unha reunión urxente coa nova directora territorial, Blanca García-Señoráns.
En todo caso, o Concello de Redondela, traballa xa noutras alternativas “para garantir o transporte do alumnado de bacharelato desde as diferentes parroquias aos institutos”.