viernes, noviembre 22, 2024
InicioComarcasCarballiñoA Xunta destina case 200.000 euros para a mellora de viveiros comerciais...

A Xunta destina case 200.000 euros para a mellora de viveiros comerciais en Ourense

A Veiga, O Carballiño e Vilamarín son os tres vivieiros comerciais da provincia de Ourense que se beneficiarán destas axudas

Tres viveiros industriais ourensás poderán mellorar as súas instalacións grazas á liña de apoios convocada pola Consellería de Economía e Industria para a creación, reforma ou dotación de equipamento ou infraestruturas destes espazos en parques empresariais da comunidade.

Así o explicou hoxe o secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, durante a visita ao viveiro de A Veiga en Ourense. Este é un dos tres beneficiarios na provincia ourensá da convocatoria deste ano. Ademais, xunto a el súmanse o de Vilamarín e O Carballiño.

Nesta liña, Vázquez lembrou que este ano a Xunta destinou 1,5 millóns de euros a esta orde de axudas que, como novidade, incorporou a posibilidade de levar a cabo actuacións de dotación ou reforma de equipamentos e infraestruturas nos viveiros industriais que se atopan, actualmente, en funcionamento.

No caso de A Veiga, contará cunha achega de 75.000 euros para levar a cabo traballos de mellora, o mesmo importe que recibirá O Carballiño, mentres que no de Vilamarín serán algo máis de 43.000€. En total, estes tres municipios ourensás recibirán preto de 200.000 euros.

Na súa visita, o secretario xeral de Industria explicou que a convocatoria deste ano contemplaba outras novidades como a ampliación ata os 48 meses do período de acollemento dos negocios ou a posibilidade de incorporación doutras empresas non industriais que xustifiquen a súa relación dentro da cadea de valor dunha actividade industrial.

As subvencións desta liña de axudas permiten achegar ata o 80% do investimento elixible,
cun máximo de 240.000 euros no caso da creación de viveiros e de 75.000 euros para a realización de melloras ou dotación de equipamento e infraestruturas. Os beneficiarios poden recibir anticipos de ata un 25% da axuda concedida.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS