A veciña de Tomiño Rosa Pereira emprega unha escaleira para saltar unha tapia de 4 metros para poder entrar na súa propiedade.
Fai 5 meses que a tomiñesa Rosa Pereira denunciou diante dos micros de Sí Radio a súa historia. O único acceso a súa vivenda que lle recoñecía concentración parcelaria pasaba por trepar un muro de 7 metros (4 metros de pedra e outros 3 de rede).
Por aquel entón a súa veciña deixáballe empregar un carreiro da súa propiedade para entrar en casa, pero esa concesión tiña data de caducidade: 6 meses. Fai uns días ese prazo rematou, a veciña pechou o carreiro cunha alambrada, e Rosa quedou definitivamente sen acceso a súa vivenda.
“O prazo cumpríase o 23 de xuño, e como ese día non me pechou, pensei que xa non o faría”, explica Rosa, que, para a súa sorpresa, o xoves pasado saíu de casa e, ao volver, xa non tiña maneira de entrar. “Fun a un enterro moi próximo a min, e cando volvín xa pecharan o camiño cunha rede”, recorda Rosa, que vive con dúas persoas maiores de 90 anos e dependentes, que quedaron completamente incomunicadas e sen axuda social porque as auxiliares non poden acceder á casa.
Tras anos de loita, por fin concentración parcelaria acordou executar un acceso á vivenda de Rosa, pero non especifica unha data concreta, polo que se descoñece durante canto tempo esta veciña de Tomiño terá que empregar una escaleira para entrar na casa.