Dos 89 casos positivos en COVID-19 na provincia de Pontevedra, que están vencellados ao brote das viaxes ás Baleares, 9 pertencen a cidade de Vigo.
Sanidade vén de actualizar os datos sobre o número de persoas coa COVID-19 en Galicia que están vecelladas ás viaxes de fin de curso ás Baleares. Por provincias, é a de Pontevedra a que conta con máis positivos ata un total de 89, dos cales 9 pertencen á cidade de Vigo; séguelle a de Lugo con 10 e a de Ourense con 3.
Deste xeito, o SERGAS notifica, ata agora, 102 persoas en Galicia que deron positivo en coronavirus e que están vecellados ao macrogromo das viaxes de fin de curso de bacharelato que se orixinou nun concerto na praza de touros de Palma e en diferentes festas en barcos e hoteis.
Preocupa especialmente a provincia de Pontevedra polo alto número de contaxios vinculados ao gromo. Amáis, «ao redor da metade dos positivos pertencen á variante Delta», segundo apunta Sanidade. O comité clínico que asesora á Xunta na pandemia reunirase este martes co fin de analizar «minuciosamente» a situación deste brote en coronavirus que afecta a Galicia e a outras comunidades como País Vasco, Cataluña ou Madrid, entre outras.
Aumentan os casos activos en Galicia
Segundo a última actualización de Sanidade, 1507 galegos e galegas teñen a COVID-19. Isto é, 56 máis que na anterior xornada. Aumentan os positivos en todas as áreas santirias agás na de Lugo, que manten os datos con respecto a onte.
Por áreas sanitarias:
- A Coruña: 491 (+20)
- Pontevedra: 226 (+19)
- Vigo: 219 (+10)
- Lugo: 189 (=)
- Ourense: 165 (+1)
- Santiago: 148 (+2)
- Ferrol: 69 (+4)
En canto á presión hospitalaria, son catro persoas máis ingresadas por mor da COVID-19 ata un total de 38 en camas convencionais e 14 nas UCI.