Serán tres xornadas de celebración con actividades para a cativada, sardiñada, a tradicional exposición de fotografía antiga e A Roda como prato estrela da programación
Os días 23, 24 e 25 de agosto O Porriño celebra as festas de San Sebastián. Este céntrico barrio porriñés honra ao seu patrón con tres xornadas de actividades organizadas pola Comisión de Festas de San Sebastián, en colaboración co Concello do Porriño.
A programación arranca cunha nova edición da Exposición Fotográfica do Porriño Antigo, que xa está aberta ao público na Capela de San Sebastián e pode visitarse ata o 1 de setembro.
O venres 23, ás 22:30 h poderemos gozar ca música de A Roda. O sábado, a partir das 17:30h, festa infantil con inchables e festa da escuma. Ás 19:00 h empezará a animación de rúa e a partir das 20:00 h a Gran Sardiñada a precios populares para que todo o mundo poida participar.
O domingo será o día grande. Ás 12 h celebrarase a misa na Igrexa Parroquial de Sta. María, seguida da procesión ata a capela acompañada polo grupo de gaitas San Xurxo de Mosende. Ao rematar, levarase a cabo a subasta e unha degustación de rosca e bebida. Ás 21:00 h a animación correrá a cargo do grupo The Turres Band e rematará a festa coa tradicional queima da fachada, ás 23:00 h.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Cultura e Festexos, Bienvenido Estévez, presentaron a programación acompañados por representantes da Comisión de festas de San Sebastián convidando a toda a veciñanza do Porriño e da contorna a disfrutar destas auténticas festas de barrio.