domingo, noviembre 24, 2024
InicioNewsActualidadeO Concello de Ponteareas cede un novo local á asociación 'O recuncho...

O Concello de Ponteareas cede un novo local á asociación ‘O recuncho solidario do Tea’

A asociación traballa dende hai doce anos repartindo alimentos, roupa ou mobles entre outros enseres

O Concello de Ponteareas cede o uso dun local municipal localizado na praza de abastos á asociación sen ánimo de lucro O Recuncho Solidario do Tea. Esta asociación traballa dende hai doce anos en mellorar a calidade de vida das persoas con poucos recursos, cubrindo as carencias con reparto de comida, roupa, mobles, ou xoguetes, entre outros enseres, que reciben de doazóns.

Para aliviar a saturación do actual local da asociación onde xa non dispoñen de máis espazo, o Concello cédelles o uso dun baixo que está debaixo das escaleiras do lateral esquerdo do Mercado Municipal de Abastos para usalo como almacén. “Estas asociacións realizan un traballo desinteresado que beneficia a toda a sociedade e na medida das nosas posibilidades e competencias tentamos acompañar as iniciativas das nosas veciñas e veciños”, sinala a alcaldesa, Nava Castro.

Ángeles Álvarez, presidenta desta asociación sen ánimo de lucro, agradece a pronta resposta do Concello que resolve así unha demanda de hai máis de sete anos, “non nos podíamos permitir pagar un alugueiro máis e xa levábamos anos solicitando o uso dun local municipal no que clasificar e almacenar as doazóns que nos chegan e logo distribuíla entre as persoas que o precisan”. Dende esta asociación agradecen tamén a aportación solidaria de todas as persoas colaboradoras que ás veces sen sabelo incluso poden estar axudando a alguén moi próximo.

Para inaugurar este novo local tamén contaron co apoio e solidariedade do artista Óscar Beceiro que deseñou e pintou un graffiti na fachada do local. Con máis de vinte anos de traxectoria como aerografista e graffiteiro as obras de Óscar Beceiro poden verse en concellos como Barcelona, León, Madrid, O Porriño e vilas de Portugal.


O Recuncho Solidario do Tea traballa ademais para xerar unha sociedade mellor e promove a lectura distribuíndo libros de lectura nos bancos dos parques e en distintos espazos públicos para encher de calidade o tempo de lecer. A vindeira semana repartirán libros para todas as idades en distintos puntos do centro urbano.

Por último queren trasladar á cidadanía que precisan estantes para este novo local e roupa de muller de talla grande para dar cobertura a unha persoa usuaria que atravesa un momento complicado. Dispostos a axudar e a recibir axuda O Recuncho Solidario do Tea ten abertas as súas portas a todas as mans que queiran aportar e tamén a aquelas que precisen apoio e traslada o seu agradecemento ás persoas que aportaron a súa colaboración ao longo destes anos.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS