domingo, noviembre 24, 2024
InicioNewsO PaísO SERGAS detecta catro gromos en granxas de visóns galegas

O SERGAS detecta catro gromos en granxas de visóns galegas

Todas as explotacións se atopan na provincia da Coruña: dúas en Abegondo, unha en Santiago e outra na Baña.

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar hoxe ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) a existencia de catro focos de positividade por SARS-CoV-2 en granxas de visón americano galegas. Todas se atopan na provincia da Coruña: dúas en Abegondo, unha en Santiago e outra na Baña.

Así, nunha das explotacións de Abegondo -que conta con 5.555 visóns- detectáronse 10 positivos, mentres na outra desa localidade -con 5.310 animais- houbo dous positivos por SARS-CoV-2. Canto ás instalacións de Santiago -cun total de 19.231 visóns censados- detectáronse dous positivos. No que respecta á da Baña -que ten 6.500 visóns- houbo catro positivos.

A detección destes focos realizouse no marco das actuacións levadas a cabo por Medio Rural desde o ano pasado ao abeiro do “Programa de prevención, vixilancia e control de SARS-CoV-2 en granxas de visóns americanos en España”, elaborado polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación e o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES) -dependente do Ministerio de Sanidade- e no que colaborou activamente Galicia. Estas accións, nas que está implicada tamén a Consellería de Sanidade, inclúen non só a toma de mostras rutineiras nos animais cunha periodicidade quincenal senón tamén a realización de probas aos traballadores das granxas.

En aplicación do citado programa, as catro explotacións estaban a ser sometidas desde o pasado mes de xaneiro á toma de mostras rutineiras de animais, obtendo ata agora resultados negativos. Tras a detección destes focos, as catro granxas foron inmobilizadas e procederase a continuar a vixilancia e control oficial por parte dos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural, para realizar un seguimento e determinar as actuacións a levar a cabo.

Nesa liña, as cepas virais detectadas nos animais serán sometidas aos oportunos estudos epidemiolóxicos para tentar concretar a procedencia da infección, aínda que todo apunta, como en casos precedentes, a unha orixe humana. Cabe engadir que non existen evidencias de relación epidemiolóxica entre os catro focos, descartando polo tanto a vehiculación do virus desde unhas granxas a outras por ningunha vía animal ou ambiental.

En toda Galicia, actualmente existe un total de 25 granxas activas de visón americano cun censo total de 71.479 reprodutoras. Dende as primeiras informacións recibidas procedentes dos Países Baixos en abril de 2020, en relación con explotacións de visóns infectadas co SARS-CoV-2, a Xunta mantivo un contacto permanente co sector peleteiro galego e trasladou a todas as explotacións activas a información actualizada da situación, tanto en Europa como en España, a través de varias comunicacións.

Nestas comunicacións incidíase no incremento das medidas de bioseguridade nas explotacións e fundamentalmente no relativo a evitar a transmisión do virus a través de persoas infectadas, dado que é esta a principal vía documentada de contaxio para estas granxas.

O Goberno galego continuará actuando nesta materia consonte aos devanditos protocolos de prevención, vixilancia e control, en permanente coordinación entre as Consellería do Medio Rural e de Sanidade, sempre coa máxima transparencia e co obxectivo último de preservar a saúde da cidadanía.

Estes focos comunicaranse oficialmente por parte do MAPA á Organización Mundial de Sanidade Animal (OIE) e á Comisión Europea.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS