domingo, noviembre 24, 2024
InicioComarcasO CondadoNon se poderá fumar nas praias da Freixa e San Roque, en...

Non se poderá fumar nas praias da Freixa e San Roque, en Ponteareas

Non se sancionará o incumprimento da norma, «xa que esta iniciativa busca educar e concienciar», apunta o Concello de Ponteareas.

O Concello de Ponteareas vén de adherirse á rede galega de ‘Praias sen fume’, un programa posto en marcha pola Dirección Xeral de Saúde Pública para promocionar unha vida sen tabaco que xa se expande por todo o litoral galego. Deste xeito, as praias da Freixa e de San Roque manteranse a partir de agora libres de malos fumes e de cabichas. Ambos os dous areais xa contan coas bandeiras e carteis de sinalización.

Dende o Concello apélase á responsabilidade cidadá, xa que se trata dunha iniciativa que non busca recadar, polo que o seu cumprimento é voluntario, O obxectivo fundamental é “educar, concienciar e sensibilizar á veciñanza sobre importancia da saúde e dos beneficios de manter os nosos solos limpos e protexer o noso medio”, destaca a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo. 

Ponteareas acóllese a esta iniciativa consciente da necesidade de protexer as praias fluviais e de “preservar os nosos ecosistemas do río, afectados pola contaminación das cabichas e químicos que se degradan na auga”. No tabaco están presentes máis de 7.000 substancias químicas tóxicas que se trasladan á auga ao non recoller as cabichas da forma debida, algo realmente grave se se ten en conta que unha soa cabicha tarda máis de 10 anos en desfacerse e que é capaz de contaminar ata 10.000 litros de auga.

“Por iso, entre todas e todos temos que facer o esforzo de non contaminar máis e respectar as demais persoas, para poder combater a contaminación dos nosos ríos e protexer aos nosos animais, xa que eles tamén as inxiren”, recalca a edil.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS