jueves, noviembre 21, 2024
InicioNewsActualidadePonteareas contará co primeiro programa de emprego xuvenil

Ponteareas contará co primeiro programa de emprego xuvenil

A consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia vén de conceder ao Concello de Ponteareas 438.603,20 euros para a posta en marcha de “Compromiso Xuvenil”

A consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia vén de conceder ao Concello de Ponteareas 438.603,20 euros para a posta en marcha do programa de emprego “Compromiso Xuvenil” para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (formación e aprendizaxe).

“Un programa que ten por finalidade mellorar a ocupabilidade, a cualificación e a inserción profesional das persoas mozas mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado participante a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo”, explicaba a alcaldesa.

“Compromiso Xuvenil” contratará e formará en alternancia coa práctica profesional a 16 alumnas e alumnos ao longo de doce meses nas modalidades de dinamización turística e ocio e tempo libre e na de promoción turística. Deste xeito prepararán dinamizadores turísticos locais que sexan capaces de identificar as principais potencialidades do territorio, para crear e deseñar produtos turísticos sostibles; atractivos, experienciais e competitivos.

Ademais, o alumnado porá en marcha o proxecto de Enoturismo coa intención de innovar e programar unha serie de actividades, congreso, feiras e xornadas que amplifiquen a implicación de Ponteareas neste sector sendo xa parte da Ruta do Viño Rías Baixas. Tamén deseñarán un programa infantil e xuvenil con actividades lúdicas e culturais que tamén contribúa na mellora da conciliación familiar e laboral.

A concelleira de Formación, Silvia F. Táboas, subliña a importancia deste programa que cubre un tramo de poboación que precisa unha oportunidade para acceder ao mercado laboral. Este novo programa de formación para a inserción laboral súmase ao primeiro Plan Integrado de Emprego (PIE), ao programa específico dirixido á poboación xitana (40 persoas), ao obradoiro de emprego e a distintas iniciativas de seguimento e reforzo educativo, formación dixital e programas específicos para a inserción laboral das mulleres.

Esta axuda enmárcase dentro da iniciativa de emprego xuvenil e o Programa Operativo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) Galicia Consellería Emprego, Comercio e Emigración 2021-2027

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS