As tradicionais figuras de cómic a tamaño real de Viñetas desde o Atlántico poden verse xa por toda A Coruña. A cidade herculina mostra desde esta mañá os emblemáticos personaxes do festival en lugares como os Xardíns de Méndez Núñez, a Praza de María Pita, o Obelisco ou o Kiosco Alfonso. Entre estes personaxes de historieta non faltan nomes míticos do cómic universal como Mortadelo e Filemón, Batman, Pitufina, Capitán Trueno, Torpedo, Joker, Spider-Man, Corto Maltés, Súper López ou Tintín, entre moitos outros.
Como novidade nesta 27ª edición do Salón Internacional do Cómic da Coruña, este martes, 13 de agosto, ás 13.00 horas terá lugar na Rúa da BD a inauguración dunha nova figura aínda non instalada: Gaspariño de Xaquín Marín, que presidirá as sesións do ‘Viñetas Late Night’ no Teatro Colón. Deste xeito, por primeira vez, un personaxe de cómic dun autor galego súmase á colección de figuras que visten a cidade da Coruña durante a celebración do Viñetas. Unha colección que neste 2024 recupera, tamén, a figura de Groucho, de Ventura & Nieto, tras o pasamento de Enrique Ventura, un dos clásicos da revista El Jueves.
A inauguración desta edición terá lugar este luns, 12 de agosto, ás 18.00 horas no Kiosco Alfonso e no acto estarán presentes a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o concelleiro de Cultura e Turismo do Concello da Coruña, Gonzalo Castro; e o director do festival, Manel Cráneo, que estarán arroupados polos autores e autoras convidados desta nova edición de Viñetas, ademais de outros artistas participantes e entidades colaboradoras, expositores e diferentes profesionais do sector da BD galega. Por outra banda, no mesmo horario abrirán tanto a tradicional Rúa da BD de Viñetas como as diferentes exposicións do festival.