domingo, noviembre 24, 2024
InicioNewsActualidadeO Concello de Tui outorga un recoñecemento a Xabier Añoveros Trías de...

O Concello de Tui outorga un recoñecemento a Xabier Añoveros Trías de Bes

Este mediodía recibiu unha “Mención Honorífica Especial” pola súa estreita relación coa cidade

Xabier Añoveros Trías de Bes recibiu de mans do alcalde, Enrique Cabaleiro, e da tenente alcalde, Ana Núñez, a “Mención Honorífica Especial” do Concello de Tui. Con este recoñecemento a institución municipal quixo recoñecer a súa estreita relación coa cidade dende hai décadas, e á que ten dedicado un amplo conxunto de traballos de investigación. O acto celebrado na Casa do Concello contou coa presenza de membros da corporación municipal, de autoridades civís e militares, de familiares e amigos do homenaxeado que encheron o salón de plenos.


A tenente alcalde, Ana Núñez, abriu o acto pondo de manifesto o agradecemento da institución municipal a Xabier Añoveros “por ser un faro de coñecemento e inspiración para todos nós, a súa dedicación e investigación e a preservación da nosa historia é un recordatorio constante da importancia de coñecer e valorar as nosas raíces”. En nome da veciñanza de Tui expresou “o noso máis sincero agradecemento” porque “a súa obra é un tesouro para nós, e unha contribución inestimable ao noso patrimonio colectivo. A cidade de Tui está inmensamente agradecida polo seu traballo e compromiso”.


Pola súa banda o alcalde, Enrique Cabaleiro, sinalou, dirixíndose a Xabier Añoveros, que “esta institución e esta cidade teñen contigo unha impagable débeda de gratitude” engadindo que “non hai mención honorífica, non hai recoñecemento institucional que dalgún xeito dea resposta a todo o traballo e todo o compromiso que tiveches durante todos estes anos, e tes coa nosa cidade e coa nosa veciñanza”. Engadía que “nestes momentos Tui precisa moitos Xabier Añoveros, que dende o altruísmo, sen esperar nada a cambio, dedicasen un importante tempo da súa vida a construír a esta cidade. Estamos necesitados de figuras coma tí”.


Xabier Añoveros tomou brevemente a palabra para amosar o seu agradecemento por este recoñecemento e foi o seu fillo Ignacio quen deu lectura a un texto máis extenso no que Xabier Añoveros repasou a súa vinculación con Tui, e no que recoñeceu que namorou de Tui dende a primeira vez que viu á cidade. Unha cidade que fixo súa e á que dedicou numerosos traballos de investigación. Rematou con “Tui e tudense quérovos” ao que seguiu un longo aplauso de familiares e amigos que encheron o salón de plenos.

Xabier Añoveros Trías de Bes e Tui
A relación con Tui de Xabier Añoveros derívase da súa voda con Julia García- Valdecasas Salgado, filla da tudense Julia Salgado Peñarredonda, e dende 1968 en que visita por vez primeira Tui quedou vinculado permanentemente coa nosa cidade á que acode varias veces todos os anos. Unha relación consolidada coa compra, aos seus sogros, da Casa da Canicouba, un inmoble situado no centro histórico da cidade, que mantén conservado con especial coidado.


Xabier Añoveros ten dedicado ao longo destes anos numerosos traballos de investigación sobre temática tudense en publicacións como “Pórtico” de Amigos da Catedral Tudense, “Tuy. Revista del Museo y Archivo Histórico Diocesano”, “Tude” revista da Asociación Cultural Arzbispo Lago, etc.. Destacan especialmente os seus libros: “Estampas santelmianas” (2003), “Floresta de textos sobre San Telmo” (2006), “Mosaico de historias tudenses” (2005), “Los alcaldes de Tui del siglo XX” (2008) e “Vidas paralelas tudenses” (2013).


Dende o ano 2014 é Presidente do Instituto de Estudios Tudenses, publicando na revista deste instituto, “Castellum Tyde”, numerosos artigos dedicados á nosa cidade. No ano 2008 foi o pregoeiro das festas de San Telmo. “Tui es una ciudad de la que estoy enamorado desde hace muchos años” afirmou en diversas entrevistas na prensa e certamente as súas achegas ao coñecemento da nosa cidade e o seu papel como Presidente do Instituto de Estudios Tudenses e colaborador en numerosas iniciativas vinculadas coa nosa cidade testemuñan esta agarimosa relación.


Como salienta o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, esta ampla relación coa nosa cidade é apreciada e sentida por moitos veciños que valoran a achega realizada por Xabier Añoveros Trias de Bés e que agora coincidindo cunha nova estadía na súa residencia da Canicouba o Concello de Tui recoñece entregándolle esta distinción honorífica.


Breve biografía
Xabier Añoveros Trías de Bes (Pamplona, 18 de xuño de 1944) é un avogado, historiador e escritor residente en Barcelona pero especialmente vinculado coa cidade de Tui ao longo de varias décadas.

Estudou na Universidade de Barcelona onde obtivo en 1967 a licenciatura en Dereito. En 1975 traballa como profesor asociado en Dereito Mercantil deste centro onde se doutorou en 1987 tamén en Dereito cunha tese centrada nas Caixas de Aforro. Tras iso, xa en 1989, figura como profesor titular por oposición de Dereito Mercantil. Compaxinou a súa carreira profesional coa actividade docente sendo profesor titular de dereito mercantil e profesor de sectores financeiros, ambos á Facultade de Dereito da Universidade de Barcelona. Así mesmo, foi profesor nos máster de dereito concursal e sociedades de capital do Colexio de Avogados de Barcelona.


Dende setembro de 2014 ao xubilarse tras 46 anos de docencia obtén catro novos doutoramentos: en Económicas, en 2016, pola Universidade de Camilo José Cela, cunha tese versada en conceptos, ideas e contidos económicos no Quijote, en Humanidades, en 2018, pola Universidade Internacional de Cataluña, sobre a vida e obra de San Francisco Javier, en historia, pola Universidade de Santiago de Compostela, coa tese sobre a casa familiar da Canicouba en Tui, e, finalmente en literatura, na Facultade de Filoloxía da Universidad de Barcelona, sobre as dúas últimas novelas de Camilo José Cela: «La cruz de san Andrés» y «Madera de boj».


Na súa carreira empresarial iniciouse como letrado de Caixa Catalunya, entidade na cal ocupou o cargo de responsable da asesoría xurídica entre 1984 e 1990. O 1982 fundou o bufete profesional Digestum Legal onde, ademais de socio, é conselleiro. Tamén foi conselleiro de Gas Natural Fenosa.


É membro da Sociedade Catalá de Bibliófilos, académico e vicepresidente da Real Academia de Doutores e membro da xunta do Círculo Ecuestre. Foi membro, durante 12 anos, do Consello de Administración do Real Club Deportivo Español.

Xabier Añoveros publicou 5 libros e 23 traballos de temas xurídicos, e outros 12 libros e 70 traballos de contido variado como historia, haxiografía e bibliografía principalmente. Entre tanta obra merece destacar os seus artigos sobre San Francisco Javier algúns dos cales recompilou no libro “Retablo de escritos javieranos”, editado en 2005 e actualizado en 2011, que converteu nun dos
máximos especialistas na figura deste santo navarro de proxección universal.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS