sábado, noviembre 23, 2024
InicioNewsO PaísO 061 de Galicia pide precaución na noite de San Xoán

O 061 de Galicia pide precaución na noite de San Xoán

O 061 de Galicia aconsella precaución co consumo de alcohol, a condución e o lume das fogueiras na noite de San Xoán.

 

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, servizo que coordina as urxencias e emerxencias sanitarias na Comunidade galega, recomenda ter precaución co consumo de alcohol, a condución e o lume das fogueiras para evitar incidentes durante a celebración da Noite de San Xoán.

Un ano máis, a Central de Coordinación do 061 reforza o seu persoal na franxa horaria que ten lugar esta celebración ante o incremento da demanda sanitaria. Así, as intoxicacións etílicas ou por drogas, os accidentes de tráfico e as queimaduras producidas no ámbito das cacharelas constitúen a causa principal das chamadas de consulta e asistencia sanitaria.

No contexto epidemiolóxico actual, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 considera imprescindible pedir á poboación que continúe a manter as medidas de prevención para evitar o contaxio e a transmisión da Covid-19, como o uso das máscaras e a distancia de seguridade, que ata o de agora se mostraron efectivas. Ademais, recoméndase que as reunións no interior sexan de ata un máximo de seis persoas, que pódese ampliar ata as 15 no exterior, agás que se trate de conviventes.

No caso de celebrar a tradicional festividade das fogueiras de Xan Xoán é importante seguir os seguintes consellos:

En primeiro lugar, as tradicionais fogueiras supoñen un compoñente de perigo, tanto polo lume como polo fume producido nas mesmas. Por iso, é importante elixir o sitio onde facer as cacharelas. Non debe ser en lugares pechados, evitando a proximidade de cables de alta tensión, e sempre vixiando a altura e a distancia do lume a estes.

Para prender as fogueiras non deben utilizarse líquidos inflamables e non se debe arroxar ao lume envases herméticos, sprays, pilas, nin manipular petardos cerca do mesmo. É recomendable ter sempre a man extintores ou auga por se fora necesario. Unha vez prendido o lume, se debe evitar que os nenos se acheguen ás fogueiras e extremar as precaucións se se achegan ao lume.

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 aconsella situarse de costas á dirección do vento, evitando que as chamas e o fume se dirixan cara vostede, para non sufrir as lesións causadas polo lume e por inhalación de fumes, especialmente se sofre dalgunha patoloxía respiratoria.

Á hora de saltar as cacharelas débense evitar as pezas de roupa sintéticas e utilizar preferiblemente as de algodón. No caso de que a súa roupa prenda lume, non corra. Só conseguirá avivar as lapas e dificultar que as apaguen. Tírese ao chan e revólquese ou quede quedo mentres as apagan.

Se algunha persoa sofre algún tipo de queimaduras, é importante alertar ao 061 inmediatamente. Mentres chega a axuda, o médico da Central de Coordinación daralle os consellos necesarios. Como norma xeral, é útil lavar con abundante auga a zona afectada se a queimadura é de pouca extensión. No caso de que sexa extensa, non utilice auga fría por risco de hipotermia.

Tamén é importante non realizar desprazamentos en automóbil no caso de consumir alcohol ou drogas, xa que o consumo destes pode propiciar somnolencia e falta de reflexos, condicións que favorecen os accidentes de tráfico.

Cómpre lembrar que as cachaleiras de San Xoán en Galicia están prohibidas na comunidade en espazos públicos. Non así nos privados mais é obrigatorio matner as medidas de seguridade fronte á COVID-19.

San Xoán 2019

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 atendeu na Noite de San Xoán do pasado ano 78 intoxicacións, 11 accidentes de tráfico, con 18 persoas implicadas, e sete queimaduras provocadas polas fogueiras. O período contabilizado foi desde as 18,00 horas, do luns 23 de xuño, ata as 09,00 horas, do martes 24 de xuño.

A Coruña con 44 intoxicacións etílicas ou por drogas foi a provincia que rexistrou o maior número de atencións, seguidas de Pontevedra con 29, Lugo con tres e Ourense con dous. Para asistir ás 78 intoxicacións, o 061 de Galicia desprazou cinco ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado, tres equipos sanitarios de atención primaria e 62 ambulancias asistenciais de soporte vital básico. Das 78 persoas atendidas, 31 foron atendidas no punto e non requiriron traslado, 22 foron trasladadas ao centro de saúde e 25 a un centro hospitalario.

As persoas atendidas por queimaduras polo persoal sanitario do 061 na Noite de San Xoán foron sete. Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu na Coruña cinco casos e dous en Pontevedra. As idades das persoas asistidas atopábanse entre os 20 e os 45 anos, sendo todos eles homes. Do total dos pacientes, catro asistironse no lugar sen requirir traslado e dous trasladáronse a un centro sanitario.

No caso dos accidentes de tráfico, asistíronse 18 persoas, en 11 accidentes de tráfico. Os accidentes producíronse do seguinte xeito: seis na provincia da Pontevedra, catro en Lugo e un na Coruña. Para atender ás 18 persoas asistidas, mobilizáronse tres ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado, nove ambulancias asistenciais de soporte vital básico e un equipo sanitario de atención primaria. Do total de persoas atendidas, 15 foron trasladas a un centro hospitalario.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS