lunes, noviembre 25, 2024
InicioNewsActualidadeNicolás e Anxo, as mellores notas da ABAU no instituto Pino Manso...

Nicolás e Anxo, as mellores notas da ABAU no instituto Pino Manso do Porriño

Os estudantes foron recibidos na Casa Consistorial polo alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación, Carolina González

A eles súmanse Sofía Bugarín, Leo Salgueiro e Marta Estévez, que obtiveron as mellores notas da ABAU no IES Ribeira do Louro

Nicolás Punzón Carnicero, cunha nota de 13,122, e Anxo Alonso Pereira, cun 12.784 na ABAU, son os estudantes do Instituto Pino Manso do Porriño con mellores na ABAU celebrada en xuño. O alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación, Carolina González, recibíronos na Casa Consistorial.


Os mozos charlaron co alcalde e a concelleira dos logros alcanzados ata o de agora e os seus plans de futuro.

Nicolás estudará Física en Compostela
Nicolás admite a facilidade que ten para as ciencias. Esta vantaxe e a súa inquietude que foi despertando ao ir avanzando cos seus coñecementos nestas materias, levárono a decantarse por estudar o grao de Física na Universidade de Santiago de Compostela. De momento, chámalle a atención a investigación, concretamente nas especialidades de astrofísica e de física cuántica, pero ten claro que o grao son catro anos e que nese tempo igual descubre outros aspectos da física que tamén lle poidan interesar.

Este verán aproveita para descansar e facer actividades típicas da súa idade, como ir de festivais e viaxes cos seus amigos.


Anxo comezará en setembro Traducción e Interpretación en Vigo
A Anxo sempre lle interesaron as humanidades, especialmente as linguas. No bacharelato descubriu o latín, e adentrouse no alemán na Escola Oficial de Idiomas. O inglés practícao desde hai anos, xa que lle gusta moito ver as series de TV en versión orixinal. De feito, hai unhas semanas presentouse ao exame Advanced de Cambridge, nivel C1, aproveitando unhas prazas que tiña o Pino Manso con desconto para os alumnos, e xa ten o título. Na carreira Anxo ten previsto estudar tamén portugués e italiano. Anxo confesa que sempre pensou en ser profesor de idiomas nun instituto, pero tampouco descarta adicarse a subtitular series de TV ou traducir videoxogos.


Nestes momentos, segue aproveitando o verán, preparando o carnet de conducir, e gozando dun merecido descanso.

A importancia da constancia e a atención nas clases
Ambos os dous, Nicolás e Anxo, coinciden en que o ritmo de 2º de Bacharelato é moi intenso e que aproveitaron para atender o máximo posible nas clases. Confesan que non son dos que estudan todos os días se non hai exames á vista, pero si levan os traballos e tarefas ao día, para que cando teñen que preparar un exame sexa só un repaso do que xa teñen aprendido. A constancia nas tarefas diarias e o aproveitamento das horas lectivas no instituto, axudoulles moito a levar o curso con bos resultados.


A este respecto, Nicolás confesa que el se “toma o tempo para asentar os coñecementos e descansar”. “Para min o descanso é fundamental. Si estudo unha hora, logo me tomo uns minutos para descansar”

“Sacar boas notas non só depende de ti”, afirma Nicolás, “os profesores, a familia e os amigos son moi importantes. Os meus amigos axudáronme a desconectar”. Algo co que Anxo está dacordo e aproveita para “agradecer aos profesores do instituto e do colexio de Atios, e á miña familia, que está sempre aí para apoiarme”.


Alejandro Lorenzo deulles a noraboa por eses logros académicos e auguroulles “un futuro cheo de posibilidades se seguen así de constantes e responsables. É un pracer contar con mozos tan preparados na nosa vila, con forza e tesón para seguir conducindo a súa vida alá onde eles queiran chegar. Un orgullo de rapaces, que seguro serven de exemplo para outros moitos mozos e mozas”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS