viernes, noviembre 22, 2024
InicioNewsActualidadeA Residencia de Artes e Pensamento 'Artistea' de Ponteareas xa é unha...

A Residencia de Artes e Pensamento ‘Artistea’ de Ponteareas xa é unha realidade

Aberta a primeira convocatoria ata o vindeiro 6 de setembro

O Concello de Ponteareas vén de facer públicas as bases da primeira convocatoria das Residencias ArtisTea de Artes e Pensamento, que se celebrará entre o 11 e o 17 de novembro na vila do Corpus, e que acollerá a un máximo de 8 artistas que presenten traballos (individuais ou colectivos) nas disciplinas de música, performance, poesía ou calquera hibridación entre elas.

As residencias desenvolveranse no edificio ubicado na Praza Maior, que foi restaurado polo Concello para acoller este programa cultural e a sede da UNED, converténdose así nun vaso comunicante entre a cultura e a sociedade no centro da vila.

A Residencia ArtisTea de Artes e Pensamento é unha iniciativa pública, financiada polo Concello de Ponteareas, co obxectivo de fortalecer o tecido social e cultural de vila, enriquecer a comunidade e contribuír a aumentar o corpus de creación e coñecemento sobre a vila e o seu patrimonio material e inmaterial.

Por isto, e tendo en conta a tradición de Ponteareas nestas disciplinas, escolleuse para esta primeira edición orientar a convocatoria cara a música, a poesía, a performance, e calquera forma de hibridación entre elas, explica a alcaldesa, Nava Castro.ç

As persoas seleccionadas, que poden concorrer en solitario ou en grupos de ata 3 persoas por proxecto, terán acceso durante 7 días a aloxamento con pensión completa no edificio da Residencia (restaurado ex-profeso para acoller estes programas).

Ofreceráselles tamén unha masterclass cunha persoa de recoñecido prestixio nos eidos da música, a poesía e a performance (cuxo nome se fará público proximamente), espazos de traballo adecuados ás necesidades das súas disciplinas, seguemento e acompañamento diario dos traballos, e saídas e actividades culturais no Condado que serán deseñadas para favorecer aos proxectos artísticos, ademais dunha saída ao espazo termal de Teáns-Oleiros.

Haberá un máximo de 8 persoas seleccionadas, con 2 prazas que se reservarán con preferencia: unha para persoas con diversidade funcional motora, psíquica ou sensorial debidamente acreditada, e outra para persoas residentes na comarca do Condado.

As persoas interesadas terán que presentar unha memoria do proxecto a desenvolver na residencia, unha breve mostra do seu traballo artístico e unha carta de motivación. O prazo de recepción de candidaturas xa está aberto. Ata o próximo 6 de setembro, os creadores e creadoras poderán acceder ás bases e detalles da convocatoria e presentar os seus proxectos a través da sede electrónica do Concello de Ponteareas, na seguinte ligazón: https://ponteareas.sedelectronica.gal/preview-document.3

Residencias artísticas
As residencias artísticas son programas culturais que implican unha colaboración entre artistas e organizacións anfitrioas, institucións ou comunidades. Comezaron a popularizarse a partires de 1960, e dende 2010 son unha parte fundamental para o impulso das carreiras artísticas de creadoras e creadores en todo o mundo. Estes programas ofrecen aos e ás artistas espazo e recursos para apoiar a súa práctica artística, lonxe das rutinas e restricións da súa vida cotiá.

Ao vincular a práctica das artes e o pensamento cunha localidade concreta, a comunidade que recibe aos artistas e pensadores vése fortalecida. Diferentes estudos demostran que, nas comunidades nas que se insire unha residencia artística, percíbese un aumento da sensibilidade cara ás artes, así coma da cohesión social, o coidado e a creatividade.

A Residencia ArtisTea é pioneira no territorio galego pola súa titularidade 100% pública, que inclúe a restauración dun edificio propio con taller de artes plásticas, espazo de gravación e sala de ensaio, así como polo seu carácter inclusivo e con vontade integradora entre as artes e a comunidade.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS