DisCamino e Porriño únense para traballar xuntos en futuros proxectos

0
183

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subiuse á bici esta fin de semana para participar nun dos adestramentos de DisCamino, unha asociación que desafía os límites e fai posible que persoas discapacidade sensorial, física ou intelectual cumpran o seu soño de peregrinar a Santiago de Compostela vivindo esta aventura como calquera outro peregrino.

“Unha experiencia moi positiva e enriquecedora que estou desexando repetir e que vos animo a probar”, afirmou Lorenzo tras unha hora de ruta, “se algo se pon de manifesto é o valor do esforzo compartido, ningunha barreira é insuperable se a enfrentamos xuntos”.  O alcalde agradeceu á súa copiloto, Bea, “este rato incrible que compartimos e que nos traerá  moitos máis” xa que o “empuxe e a ilusión de Bea son inspiradoras e contaxiosas”.

Para poder levar a cabo o obxectivo, durante todo o ano realizan sesións de adestramento como á que se sumou o alcalde do Porriño. As persoas interesadas poden participar, os martes, xoves e sábados e pedalear durante unha hora, con bicis e sillas de montaña adaptadas. Todos os domingos faise tamén unha saída máis larga con sillas de rodas de montaña.

“Non teño máis que palabras de agradecemento e admiración a todas/os eles/as, a Bea, Silvia, a todos os que rodaron conmigo e por suposto a Javier Pitillas, persoas como eles fan deste mundo un lugar mellor”, concluíu Lorenzo explicando que “terán sempre a man do noso Concello de tendida para todo o que necesiten. De feito xa estamos argallando varias actividades conxuntas no Porriño para que todo o mundo coñeza e participe no inmenso labor que fan”.

DisCamino, unha iniciativa con máis de dez anos de camiño

DisCamino naceu no 2009 da man de Javier Pitillas e Gerardo, un mozo sordocego de Vigo que fixo o seu primeiro camiño de Santiago pedaleando sobre un Copilot. Unha vez alcanzaron a Praza do Obradoiro, Gerardo dixo ao seu compañeiro, “Javier, busca a máis persoas con problemas coma min para facer o Camiño moitos anos”. E nese momento, comezou esta aventura que xa conta con preto de 200 usuarios e usuarias e un gran equipo de apoio e intendencia.

Os seus principais obxectivos son fomentar a actividade físico-deportiva nas persoas con discapacidade e axudar a que todos os que queiran poidan completar unha peregrinación a Santiago de Compostela. Pero DisCamino non é so a ruta, tamén ten en conta a preparación física e mental necesaria para levar a cabo este reto e a ilusión de implicarse en algo que de seguro cambiará a vida de quen o experimente.