A Deputación de Pontevedra presenta o proxecto «+Rías»

O novo proxecto conta cun orzamento de 130.000 € e contempla actividades como a creación dun programa técnico especializado con expertos, a posta en marcha de campañas de sensibilización da poboación infantil e para profesionais do mar e actividades de posta en valor da pesca sostible, entre outras

0
181

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe a posta en marcha do novo proxecto “+Rías” que busca aumentar a sensibilización ambiental e fomentar a conciencia ecolóxica entre os diferentes sectores da cidadanía con respecto aos impactos da actividade do ser humano no medio costeiro e mariño, así como transmitir a importancia da protección e conservación da biodiversidade e os ecosistemas mariños e, en particular en espazos protexidos, poñendo en valor os produtos do mar locais e sostibles. “As nosas rías son un importante motor socioeconómico en pesca artesanal e marisqueo, e teñen unha especial importancia na economía azul española –apuntou o presidente provincial-.

Por temos o compromiso de protexelas, e que mellor forma de facelo que a través de programas como este de sensibilización ambiental”.


O proxecto conta cun orzamento de 132.000 e dos que Fundación Biodiversidad no marco do Programa Pleamar aporta o 70%, é dicir, algo máis de 90.000 €, e a Deputación o 30% restante, case 40.000 €. +Rías plantexa catro actividades diferentes. Por unha banda, porase en marcha un programa técnico especializado con expertos, investigadores e científicos de relevante prestixio a nivel nacional para tratar asuntos clave e de actualidade nestes territorios como o marisqueo e explotación sostible de recursos mariños vivos, o impacto do cambio climático nas rías, as biotoxinas e mareas vermellas e o seu impacto no marisqueo, contaminación e lixos mariñas, e os espazos protexidos, protección de biodiversidade mariña e espazos Rede Natura 2000, especies invasoras etc.


Ademais, porase en marcha unha campaña de sensibilización de poboación infantil que busca estimular o interese da poboación infantil de centros escolares de educación primaria sobre as Rías Baixas pontevedresas, a importancia da conservación de recursos mariños e o bo estado ambiental da natureza, centrándose en zonas de marisqueo. Entre as accións prevense talleres infantís en centros educativos de primaria, de 6 a 11 anos, vídeo animado e pequeno conto ou banda deseñada, así como concurso de debuxo relacionado coa conservación do medio mariño e costeiro das rías pontevedresas e a pesca sostible.


Outra das accións é unha campaña de sensibilización para profesionais do mar, que contará cun seminario de sensibilización ambiental para fomentar as boas prácticas ambientais do sector de marisqueiro e recursos específicos das rías de Pontevedra e a súa contribución á mellora do bo estado ambiental das Rías Baixas de Pontevedra. Dirixida ao sector extractivo, principalmente de marisqueo e recursos específicos e da pesca artesanal que se desenvolva dentro das rías e con sesións por parte de estudantes universitarios ou de formación profesional do ámbito do medio mariño a entidades pesqueiras para coñecer de primeira man a xestión diaria para a explotación sostible dos recursos das rías pontevedresas.

Por último a través doutra campaña, poñerá en valor a pesca sostible das Rías Baixas de Pontevedra.


Promoverase así o coñecemento do medio ambiente mariño e a pesca extractiva sostible das rías, á vez que se aproveitará para divulgar e sensibilizar sobre a importancia de protexer e conservar a biodiversidade mariña e apoiar unhas actividades pesqueiras sustentables. Desta maneira, realizarase unha exposición itinerante de fotografías sobre a pesca sostible, unha exposición dos debuxos premiados na campaña de sensibilización da poboación infantil e degustacións gratuítas de produtos artesanais sostibles capturados nas rías pontevedresas, así como a entrega de material divulgativo da campaña e material de merchandising e concursos de preguntas relacionadas coas distintas temáticas do proxecto a público xeral.