A Directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Lara Meneses, e o concelleiro de Xuventude, Antonio Barros, visitaron o Campo de Voluntariado Internacional “Gándaras de Budiño”, impulsado polo Concello do Porriño en colaboración coa Xunta no marco da campaña “O teu mellor verán”.
O obxectivo deste campus é destacar a biodiversidade e o gran valor medioambiental das Gándaras de Budiño.
Durante a visita, Meneses e Barros puideron ver de cerca o labor ambiental que están a desenvolver 15 os mozos e mozas de entre 18 e 30 anos que participan no campo. Eles mesmos encargáronse de explicar todas as actividades que se están a levar a cabo no marco desta iniciativa, como as charlas formativas de educación ambiental e a posta en práctica do aprendido.
Entre as iniciativas a favor do espazo natural estase a levar a cabo a retirada de especies invasoras, como a caña e a tintureira, ou a retirada de basura no río Louro e os seus afluentes en Porriño e nas Gándaras de Budiño, entre outras.
O Campo de Voluntariado tamén engloba actividades culturais e lúdicas. Os participantes
visitaron lugares como Cabo Home, Curro da Valga, os Muíños do Folón e Picón e Tui.
Ademais, gozaron de visitas e xogos polo casco urbano do Porriño e experimentaron as festas dos pobos de Galicia, asistindo as festas de Atios na honra de San Bieito.
Mozos e mozas de México, Francia, Italia, Madrid, Cuenca, Zaragoza, Badajoz, Valencia, Navarra e Galicia levan convivindo no Porriño dende o 23 de xullo para facer este voluntariado que remata mañá, 3 de agosto.
Algúns deles, como Allende Sauras (Zaragoza) ou Mani Martínez (México), é a primeira vez que visitan Galicia e califican esta experiencia de moi positiva, tanto pola parte de coñecemento e educación medioambiental, como pola parte de visitar a comunidade.
Allende acaba de rematar os estudos de ADE e confesa que “o campus inspiroume moito. Volvo a Zaragoza cunha idea do que me quero dedicar, o tipo de traballo que quero buscar, relacionado con medioambiente” e engadía que “é un voluntariado moi enriquecedor a nivel de impacto medioambiental para O Porriño e Galicia, como a nivel persoal”.
Pola súa banda, Mani salienta as aprendizaxes, “como poden afectar as especies invasoras ás orixinais”, e a beleza de Galicia, “especialmente a Illa de San Simón”.
Por último, o alcalde do Concello do Porriño, Alejandro Lorenzo, salientaba que supón unha «posta en valor das nosas riquezas naturais e culturais entre a mocidade de Galicia, España e todo o mundo.»