No día de hoxe, a Xunta de Galicia licitou as obras de construción dun edificio que contará con vinte vivendas de promoción pública no barrio de San Eluterio-Tameiga en Mos. Este contará cun investimento de máis de 4,1 millóns de euros.
As empresas teñen de prazo ata o 20 de setembro para a presentación das súas ofertas. A previsión por parte da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas é que as obras estén rematadas no 2026.
O futuro edificio contará cunha planta de soto, planta baixa e tres plantas altas. Das vinte vivendas previstas na construcción, unha delas será adaptada. Por outro lado, o inmoble contará con 29 prazas de garaxe e 20 rochos.
En concreto, a planta soto con acceso desde a vía A do polígono de San Eleuterio, destinarase a vinte prazas de garaxe, vinte rochos e cuartos de instalacións. Aínda así, haberá outras nove prazas de aparcamento en superficie.
Unha das vivendas destinarase a persoas con mobilidade reducida
Por outro lado, na planta baixa, ademais do portal, habilitaranse catro vivendas entre as que se atopa a destinada a persoas con mobilidade reducida. Tamén haberá un núcleo de comunicación vertical, instalacións e un patio.
Nas plantas primeira ata a terceira distribuiranse o resto das vivendas, catro na primeira planta e seis nas plantas superiores. A edificación organizará as vivendas e os diversos espazos comunitarios arredor de dous patios centrais, que permiten a entrada de luz natural e melloran a ventilación das vivendas á vez que se favorece a relación co espazo exterior.
O proxecto cumpre o Real decreto 853/2021, de 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. En concreto, teñen en conta as prescricións sobre eficiencia enerxética, consumo de enerxía non renovable, circularidade e xestión de residuos, que se reflicten no dito decreto.
Aposta pola vivenda protexida
O Goberno galego mantén o seu compromiso para reforzar o parque residencial de toda Galicia. Ademais, a Xunta continúa avanzando no seu compromiso da mellora da situación do mercado da vivenda, e na Estratexia de vivenda pública e protexida que prevé duplicar o parque público ata chegar ás 8.000 vivendas e desenvolver solo para 20.000 vivendas protexidas e 5.000 libres.