O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, reivindica a Formación Profesional como unha opción educativa estratéxica de cara á recuperación económica.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou hoxe a Formación Profesional como unha opción educativa estratéxica de cara á recuperación económica.
Durante unha visita esta mañá ao IES Politécnico de Vigo, Feijóo referiuse á FP como un factor fundamental de dinamización laboral, ao permitir o acceso ás novas profesións, a través dunha formación específica; orientada cara aos coñecementos máis creativos e prácticos, favorecendo o espírito emprendedor; e porque ofrece máis oportunidades laborais e un elevado nivel de empregabilidade, superando nalgúns casos máis do 90%.
Non en van, recordou que nos últimos dez anos a matrícula en FP incrementouse en máis dun 60% ata chegar a máis de 56.000 alumnos, o que demostra o interese crecente da cidadanía por estas ensinanzas.
Recuperación da maqueta do Gran Vigo
Nesta liña, referiuse ao proxecto que están a desenvolver os alumnos de mecanización do centro vigués que comezaron a recuperar, mediante técnicas de impresión 3D, a maqueta do Gran Vigo deseñado a comezos do século XX polo arquitecto Antonio Palacios, como proba da excelencia académica das aulas galegas, co emprego de ferramentas innovadoras e vangardistas.
“Estamos a falar dunha iniciativa que nos vai permitir apreciar moitos detalles do plan que Antonio Palacios deseñou”, dixo, destacando a ambición do arquitecto de facer de Vigo a Barcelona do Atlántico. Ao tempo que engadiu que a nova maqueta será unha das pezas da exposición sobre o arquitecto que acollerá o Museo do Mar en setembro.
O titular da Xunta aproveitou a visita para agradecer e poñer en valor, unha vez máis, o compromiso de toda a comunidade educativa para afrontar o curso máis complexo da nosa historia. “Agradecemos esta vocación e o éxito acadado para, con todas as complexidades loxísticas, manter a presencialidade nas aulas. Fostes clave para non perder o curso”, incidiu.
Feijóo concluíu aseverando que a Administración autonómica seguirá traballando e facendo investimentos educativos. Nesta liña, recordou que en Vigo levarase a cabo este verán a reforma do Conservatorio Profesional de Música, cun orzamento de máis de 1 millón de euros; así como o inicio da construción do novo instituto en Navia, cunha achega total de 8 millóns de euros.