viernes, noviembre 22, 2024
InicioA terraA nosa culturaO Son do Pazo presenta a súa novena edición cun cartel moi...

O Son do Pazo presenta a súa novena edición cun cartel moi ambicioso

O Son do Pazo celebra este ano a súa novena edición cun cartel no que figuran, como xa vén sendo habitual, algúns dos nomes máis destacados da escena ‘tradi’ e folk galega actual. Este festival será de acceso totalmente gratuíto.

A súa programación preséntase como unha fusión entre figuras de artistas xa consolidados ou bandas emerxentes que están a revolucionar o panorama musical galego.

A tarde do sábado 31 de agosto, a festa comezará coa segunda edición das Olimpíadas Rurais. Trátase dunha competición na que os equipos participantes porán a proba as súas habilidades en disciplinas tan enxebres coma o lanzamento de sacho, a carreira de carretillas ou a debulla de espigas de millo, entre outras probas.

O día continuará coa primeira edición do concurso de cuartetos de gaita, unha das principais novidades deste ano. A inscrición xa está aberta e as bases están dispoñibles, para todas as formacións interesadas, nas redes sociais do festival (@osondopazo).

O grupo de gaitas do Abrente levará a súa música á contorna do Pazo de Mos o propio sábado pola tarde e a banda anfitrioa, Airiños do Castelo, encargarase de abrir os concertos da noite no escenario principal. Ademais destas actuacións, tamén estarán a formación vasca Korrontzi, Xosé Lois Romero e Aliboria e Alana, unha das bandas revelación deste ano en Galicia. A festa, neste primeiro día do festival, rematará cunha sesión de música galega a cargo de La Duendeneta.

Á noite farase entrega tamén do premio Mestre Machiño, un recoñecemento que o Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, entidade organizadora do festival, outorga cada ano a persoas ou grupos implicados na preservación da tradición da música e da danza galegas e que este ano recaerá nas pandereteiras de Toutón.

O domingo, en horario de sesión vermú, a festa continuará cunha programación participativa e para todos os públicos. Paco Nogueiras encargarase da animación infantil e Miguel Pardo dirixirá un obradoiro de baile tradicional galego aberto á participación de todo o público. Os Melidaos levarán tamén a súa música ao recinto do festival onde haberá polbo á feira e churrasco a prezos populares.

Presentación oficial da nova edición

A presentación do cartel do IX Festival Intercéltico ‘O Son do Pazo’ tivo lugar no auditorio do Pazo de Mos no día de hoxe. Esta contou coa participación de representantes de todas as administracións públicas que colaboran coa organización.

Xunto ao presidente do Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, Ramón Alfaro, estiveron presentes a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro; a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela e o Director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo. O acto contou tamén con representación da Comunidade de Montes de Mos e a Fundación Pazo de Mos, entidades colaboradoras do festival.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS