domingo, noviembre 24, 2024
InicioComarcasO CondadoPonteareas recibiu máis dun cento de propostas para a súa nova biblioteca

Ponteareas recibiu máis dun cento de propostas para a súa nova biblioteca

Éxito do concurso de proxectos con intervención de xurado para  a transformación do antigo mercado en biblioteca municipal. O Concello de Ponteareas xunto co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) levaron a cabo a organización deste e polo que recibiron máis dun cento de propostas.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, agradeceu a todos os arquitectos e arquitectas que amosaron o seu interese e que adicaron tempo e esforzos en preparar as propostas. “É unha obra ilusionante e necesaria que permitirá a estudantes e opositores acceder vintecatro horas á biblioteca» comentaba e engadía que será «un espazo polivalente que formará parte dunha mazá cultural na que está o auditorio, o  museo, o  conservatorio e a cen metros da residencia artística».

Co obxectivo de executar unha obra que dera unha axeitada solución ás necesidades, o Concello de Ponteareas buscou a colaboración do COAG para a redacción das bases e para formar parte do xurado.

A alcaldesa explicaba a diversidade dos proxectos presentados que chegaron dende distintos puntos de España, os cales simbolizan o atractivo da proposta e a importancia de desenvolver accións da man de expertos como o COAG.

O concurso enfilará agora a segunda fase, segundo explica a concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández. Entre todas as propostas presentadas sairán cinco, que convidarán a desenvolver un anteproxecto.

Aquí entrará en xogo o xurado que elixirá o proxecto gañador e ao que adxudicarán o contrato de redacción do proxecto final e dirección de obra.

O Concello entregará un total de 27.500€ en premios, onde o primeiro premio será de 10.000€, o segundo de 7.500€ e o terceiro premio 5.000€. Por outro lado, tamén recibirán recoñecemento o primeiro accésit con 2.500 € e o segundo accésit tamén de 2.500€.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS