A Xunta de Galicia anuncio a renovación do seu apoio aos programas de conciliación na Provincia de Pontevedra. Trátase dunha aposta da consellería de Política Social e Igualdade coa que pretende crear un espazo de xogo, diversión e aprendizaxe para os nenos e nenas galegas, á vez que fomenta a conciliación familiar.
Así o anunciou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, que visitou esta mañá os programas de conciliación dos concellos de Mondaríz e Mondaríz-Balneario. Ambos contan coa financiación destas subvencións para a promoción da igualdade.
Neste sentido, a consellería invertirá preto de 1,2 millóns de euros nos programas de conciliación da provincia, dos cales, máis de 200.000 corresponden aos concellos do Condado-Paradanta.
Entre os concellos beneficiados por estas axudas atópase, ademais dos visitados esta mañá polo delegado, outros da comarca como Ponteareas, Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, As Neves e Salvaterra do Miño.
En total, son 25 os concellos da provincia de Pontevedra que se benefician destas axudas e que dan servizo a millares de familias.
O delegado territorial aproveitou a ocasión para agradecer o traballo de todos os “monitores e monitoras que se esforzan por organizar un verán inesquecible para todos os nenos e nenas” e asegurou que estas iniciativas supoñen “unha aposta cada vez máis necesaria pola conciliación familiar”.