Segundo o listado de puntos de activación do Carné Xove da Xunta, non hai ningún na comarca do Condado.
A Concellaría de Mocidade que dirixe Miguel Bouzó vén de solicitar á Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia a inclusión de Ponteareas como punto de activación do Carné Xove, que estes días está a chegar aos fogares de toda a mocidade galega.
Ponteareas é o concello cabeceira de comarca e conta con arredor de 5.000 mozos e mozas que se beneficiarán do Carné Xove, segundo apuntan dende o Concello. «Non obstante, a Xunta deixou fóra ao municipio da rede de puntos de activación dispoñibles, obrigando á mocidade a desprazarse a outros concellos doutras comarcas».Neste senso, o goberno considera que «as consecuencias negativas desta decisión unilateral da Xunta son evidentes para a mocidade ponteareá e desvirtúan por completo o obxectivo de facilitar o uso desta ferramenta por parte de todos os mozos e mozas”, asegura o edil, que destaca tamén que esta medida está xa saturando o servizo noutras localidades.
Dende o Concello non entenden esa exclusión de Ponteareas da rede de puntos de activación tendo en conta que é “concello de referencia para a mocidade da comarca, dado que aquí se desenvolven moitos servizos educativos, comerciais, deportivos ou de lecer cunha ampla participación de mozas e mozos doutras localidades, ademais de contar cunha OMIX que presta servizos durante todo o ano e que ata o de agora foi centro de expedición do Carné Xove”.
Por todos estes motivos, o Concello reclama unha explicación a esta medida e que se reconsidere a decisión “para non seguir prexudicando á mocidade de Ponteareas e da nosa comarca. Pola nosa parte, poñemos toda a nosa disposición para colaborar nas cuestións que sexan oportunas”.
Nas comarcas, existen puntos de activación do Carné Xove en Salceda de Caselas, Tui e Soutomaior.