viernes, noviembre 22, 2024
InicioActualidadeCulturaA rondalla de Santa María do Porriño preséntase aos seus veciños

A rondalla de Santa María do Porriño preséntase aos seus veciños

O Porriño contará este ano cunha nova rondalla, a Rondalla Santa María do Porriño, a cal xa suma un total de 40 persoas.

A localidade é berce de rondalleiros e rondalleira, así considérase como un referente en relación a estas tradicionais agrupacións. O concello porriñés xa contaba con dúas grandes rondallas, a de Santa Eulalia de Atios e a da AC de Pontellas que foron recoñecidas nos I Premios Antonio Palacios ao Social.

De feito, tal é a tradición na vila do Louro que cada ano celebrase o Encontro de Rondallas. Un evento que reúne ás mellores formacións do sur da provincia ante milleiros de persoas. Así, este Nadal serán tres as rondallas porriñesas que animen as rúas.

A Rondalla Santa María do Porriño está dirixida por Seve Novas e capitaneada por Leticia Pereira. Esta conta coa colaboración do Concello do Porriño, da Comunidade de Montes Santa María do Porriño, de patrocinadores privados e da Asociación Rosais, que se encargarán de elaborar as capas de todos os rondalleiros e rondalleiras. 

“No centro urbano non tivemos nunca unha agrupación deste tipo e queremos recuperar esta tradición, impulsala e consolidala xa que hai unha gran afección. Só hai que dar o primeiro paso”, explicou o director, Seve Novas, e incidiu en que “non vimos a competir, vimos a disfrutalo e a facer que a xente disfrute con nós”.

Seve Novas, “peixeiro e gaiteiro” como el mesmo se define, conta con experiencia neste eido xa que nos últimos anos dirixiu a Rondalla da Asociación Galiñeiro de Vincios. Natural de Cangas, pero afincado no Porriño desde hai dúas décadas. Seve explica que se sinte porriñés e quere facer cousas polo seu pobo, “sobre todo no eido cultural que é onde creo que teño moito que aportar, por inquedanza e por experiencia”. 

Dende a directiva da Rondalla Santa María do Porriño animan a todo o mundo a participar, sexan de onde sexan, teñan a idade que teñan e conten ou non experiencia. “É unha rondalla aberta a todo o mundo, pequenos e maiores, na que ninguén queda atrás”, afirman.

Os integrandes da agrupación comezarán os ensaios no mes de setembro e serán no centro urbano, inicialmente, no Centro Cívico.  

O alcalde, Alejandro Lorenzo, mostrou todo o seu apoio “a esta nova Rondalla que vén a sumar cultura e tradición a un pobo como o noso, que valora como ninguén estas mostras de identidade”. O rexedor agradeceu á directiva “a súa iniciativa e a ilusión coa encaran esta andaina da que todos e todas formaremos parte”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS