viernes, noviembre 22, 2024
InicioO PaísA CoruñaO aloxamento hoteleiro galego supera por primeira vez as 920.000 noites no...

O aloxamento hoteleiro galego supera por primeira vez as 920.000 noites no mes de xuño

Os datos do INE feitos públicos hoxe amosan un comportamento positivo neste sexto mes de ano, cun incremento do 5,6% respecto á cifra de viaxeiros e do 5,4% do volume de noites con respecto ao mesmo mes de 2023

As cifras de aloxamento hoteleiro de Galicia superan por vez primeira as 920.000 noites nun mes de xuño, o que supón o máximo da serie histórica no sexto mes do ano, tal e como se desprende da Enquisa de Ocupación Hoteleira do INE feita pública hoxe. Deste xeito, o segmento hoteleiro de Galicia continúa experimentando un crecemento positivo con máis de 532.000 viaxeiros aloxados no mes de xuño, o que supón un incremento dun 5,6% respecto á mesma data do ano pasado.


O incremento da demanda e dos niveis de ocupación acontece, ademais, nun contexto de mellora das tarifas hoteleiras, o que supón un crecemento dos niveis de rendibilidade en relación ao ano pasado. O INE estima que o sector hoteleiro galego obtivo uns ingresos totais nominais de 43,3 millóns de euros no mes de xuño, cifra que se incrementa nun 8,7% en relación ao dato do ano pasado, superando -ademais- amplamente o valor previo á pandemia, de xuño de 2019, cando se facturaron 30,3 millóns de euros nos hoteis e pensións da comunidade.


Os datos feitos públicos evidencian tamén que o mercado internacional supera por primeira vez as 300.000 noites nun mes de xuño. Con esta dinámica, este segmento consolida catro anos consecutivos de crecemento da demanda no sexto mes do ano.


Niveis de demanda superiores aos do ano pasado
No que vai de 2024, o segmento hoteleiro galego avanza con niveis de demanda superiores aos do ano pasado e rexistra xa preto de 2,2 millóns de viaxeiros aloxados entre xaneiro e xuño e case 3,8 millóns de noites nos establecementos hoteleiros, cifras que supoñen un incremento respecto dos valores do mesmo período de 2023 do 6,5% e do 4,9% respectivamente.


Estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais nominais de 157,7 millóns de euros no conxunto dos primeiros seis meses do ano, cifra que supera o dato do pasado ano -nun 8,7%-. Marca, con isto, a cifra máis elevada da serie histórica.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS