lunes, noviembre 25, 2024
InicioNewsComarcasA Xunta de Galicia licita as obras de 20 vivendas de promoción...

A Xunta de Galicia licita as obras de 20 vivendas de promoción pública en Mos

O Consello da Xunta tomou hoxe razón da licitación do contrato da obra de construción dun edificio para 20 vivendas de promoción pública no barrio de San Eleuterio-Tameiga, en Mos, na cal a Administración autonómica investirá máis de 4,1 millóns de euros. A contratación desta actuación impulsada polo Goberno galego permitirá a construción dun edificio de nova planta para destinalo a 20 vivendas protexidas, unha delas adaptada, con 29 prazas de garaxe e 20 rochos. A nova promoción pública neste municipio pontevedrés localízase na parcela 702 do polígono 52 do barrio de San Eleuterio-Tameiga.

En conxunto, a edificación organizará as vivendas e os diversos espazos comunitarios arredor de dous patios centrais que permiten a entrada de luz natural e melloran a ventilación das vivendas á vez que se favorece a relación co espazo exterior. En canto ao programa das vivendas, das 20 vivendas proxectadas, dúas disporán de catro dormitorios, cunha superficie útil de 117,42 m²; 14 vivendas contarán con tres dormitorios (unha delas adaptada a persoas con mobilidade reducida), cunha superficie útil que oscilará entre os 95,22 m² e os 114,78 m²; ás que se engadirán outras catro vivendas de dous dormitorios, cunha superficie útil de 69,87 m².

Este proxecto cumpre o Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia. En concreto, teñen en conta as prescricións sobre eficiencia enerxética, consumo de enerxía non renovable, circularidade e xestión de residuos que se reflicten no dito decreto. A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas prevé licitar as obras na vindeiras semanas e o obxectivo será poder rematalas en 2026.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS